Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/11/2024 | Actualizada ás 15:23
Un total de 27.000 profesionais da sanidade pública galega formáronse en cursos de igualdade e control da violencia de xénero para aprender a detectar estas situcións e a actuar nestes casos. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na inauguración da Xornada con motivo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, organizada polo Sergas.
O acto contou ademais coa participación do director xeral de Loita contra a violencia de xénero da Consellería de Política Social e Igualdade, Roberto Barba. Gómez Caamaño incidiu no papel "crucial" que desempeñan os profesionais do sistema sanitario público galego á hora da detección, atención e acompañando ás mulleres que sofren violencia de xénero. Remarcou ademais que o seu departamento leva anos pondo en marcha medidas, protocolos e formación para contribuír á eliminación da violencia de xénero.
Entre as actuacións, o conselleiro citou a elaboración, a finais do 2020, dun Procedemento de cribado e actuación en saúde, para mellorar a detección precoz e atención ás mulleres en situación de violencia de xénero que acoden aos centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde. Xunto a isto, tamén se aprobou un Procedemento de atención a vítimas de agresión sexual e outro de actuación ante casos de sospeita de submisión química, ambos os dous elaborados por profesionais do Sergas e que se actualizaron este mesmo ano.
Así mesmo, o conselleiro de Sanidade reiterou o compromiso do seu departamento na loita contra a violencia de xénero, póndose ao servizo da Consellería de Política Social e Igualdade para "frear esta problemática". Precisamente a esta colaboración, apuntou, responde a creación dos centros de crises 24 horas para vítimas de violencia sexual, que contaron cun investimento de 11 millóns de euros. A través destes centros, o departamento de Política Social ofrecerá atención psicolóxica, social e xurídica os 365 días do ano de forma totalmente gratuíta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.