Medio Rural amplía a zona afectada pola flavescencia da vide nas provincias de Ourense e Pontevedra

As plantas con presenza da praga deberán ser arrincadas e destruídas canto antes. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/11/2024 | Actualizada ás 14:17

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural ampliou a zona afectada por praga da flavescencia dourada da vide nas provincias de Pontevedra e Ourense. Esta é unha enfermidade provocada por un fitoplasma e transmitida por un insecto ('Scaphoideus titanus') que pode chegar a causar a morte das cepas.

En concreto, os municipios que contan con parcelas incluídas na listaxe de zonas infestadas son os ourensáns de: A Arnoia, Cortegada, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado e Ribadavia. Por parte de Pontevedra están: A Cañiza, Arbo, As Neves, Crecente, O Rosal, Oia e Tomiño.

Nas zonas tampón para detectar posibles plantas infectas atópanse na provincia de Ourense: A Arnoia, Castrelo de Miño, Cortegada, Melón, Ribadavia, Cartelle, Gomesende, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado e Ramirás. Os de Pontevedra nestas circunstancias son: A Cañiza, Arbo, Crecente, O Rosal, Oia, Tomiño, Tui, As Neves, Salvaterra e Salceda de Caselas.

Dentro da zona demarcada, os titulares das parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestada ou insectos vectores da enfermidade deberán aplicar canto antes un tratamento insecticida autorizado.

As plantas con presenza da praga deberán ser arrincadas e destruídas canto antes. O máis recomendable é que esta destrución se realice in situ.

No caso de que a parcela afectada teña máis dun 20% de plantas sintomáticas, deberán arrincarse e destruírse todas as plantas da parcela no caso de que as plantas afectadas non estean agrupadas. Sucede o mesmo no caso de zonas abandonadas.

Praga da flavescencia dourada da vide. XUNTA
Praga da flavescencia dourada da vide. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta