O Goberno aprobará "permisos climáticos" remunerados para os traballadores motivados por catástrofes

Os convenios colectivos terán que adoptar plans preventivos e os representantes sindicais poderán acordar paralizar a actividade.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 28/11/2024 | Actualizada ás 10:12

Comparte esta noticia

O Ministerio de Traballo levará este xoves ao Consello de Ministros para a súa aprobación un paquete de medidas en materia laboral e de prevención de riscos no que se contempla a modificación do Estatuto dos Traballadores para incluír un novo permiso retribuído co que blindar o dereito a ausentarse do traballo en caso de catástrofes.

En concreto, incorporarase ao Estatuto dos Traballadores o que Traballo denomina permisos 'climáticos': ata catro días de permiso remunerado para o traballador pola imposibilidade de acudir ao centro de traballo ante unha catástrofe, prorrogables ata que desaparezan as circunstancias que o motivaron.

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, explicou, en declaracións a TVE recollidas por Europa Press, que a partir deses catro días as empresas poderán situar a eses traballadores nun ERTE ou prorrogar o permiso, contribuíndo a sufragalo. "Por tanto, por primeira vez en España, seguindo o modelo de Canadá, imos ter permisos autenticamente climáticos", subliñou Díaz.

A ministra explicou que estes permisos que se incorporan á lexislación permitirán aos traballadores non acudir ao seu posto de traballo por razóns de emerxencia climática, como se fixo provisionalmente cos traballadores afectados pola DANA.

Díaz lembrou que en pandemia se puxeron en marcha permisos retribuídos pero recuperables, é dicir, que o traballador tiña que devolverlle á empresa os días de ausencia. "Isto non é así agora, agora van ter días fixados por lei, completamente retribuídos, coas súas cotizacións", destacou a titular de Traballo.

Mensaxe nun coche aos vluntarios que axudan nos estragos pola DANA.. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press
Mensaxe nun coche aos vluntarios que axudan nos estragos pola DANA.. Alejandro Martínez Vélez - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta