Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/12/2024 | Actualizada ás 14:31
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, presidiu este martes a reunión do grupo de expertos en matemáticas convocado para ultimar o programa de mellora na materia que a Xunta implantará durante os próximos catro cursos e que implica o reforzo no ensino de matemáticas desde a etapa de Infantil. O programa, que se presentará antes de final de ano como estaba comprometido, buscará reforzar a aprendizaxe de Matemáticas desde as primeiras etapas educativas para seguir mellorando nesta competencia. Para iso, contarase cun comité técnico de especialistas nesta materia.
No encontro deste martes analizáronse distintas propostas e o grao de desenvolvemento das mesmas para a súa aplicación nas aulas. En particular, quérese incidir no estímulo e no achegamento ás Matemáticas desde as idades máis temperás para facilitar despois o seu desenvolvemento nas etapas de Primaria e Secundaria. Ademais, incidirase tamén nas metodoloxías de aprendizaxe empregadas, apostando por opcións didácticas innovadoras e por aquelas que mellor están a funcionar xa nos centros, para que poidan ser aplicadas en toda a rede.
Ademais de contar con este comité de expertos, a Xunta tamén implicará ás facultades de Educación neste traballo co obxectivo de fomentar as Matemáticas desde a formación inicial dos docentes, que terá a súa continuidade na formación permanente a través dos plans da Xunta. O programa de reforzo da competencia matemática é unha das accións integradas no Plan MEGA de mellora educativa de Galicia, posto en marcha a comezos deste curso escolar e que inclúe unha ampla batería de medidas de apoio aos estudantes. No caso concreto de Matemáticas, o último informe PISA sitúa a Galicia 13 puntos por enriba da medida española, unha posición que o Goberno galego quere reforzar aínda máis, na senda doutras competencias como as Ciencias, onde Galicia é líder a nivel nacional.
DE MESTRES A CATEDRÁTICOS
Tal e como explicou o conselleiro, o programa de reforzo da competencia matemática ten como finalidade mellorar o rendemento do alumnado nesta área, apoiando o proceso de aprendizaxe e adaptándoo ao modo de aprender de cada un. Así pois, trabállase no proceso de ensino-aprendizaxe competencial das matemáticas, na identificación e difusión de boas prácticas e na dotación aos centros de recursos adecuados para tal fin. O comité técnico de apoio e asesoramento nesta materia está integrado por catedráticos e profesores titulares das universidades públicas galegas, por profesores de Secundaria da Comunidade e mestres de Educación primaria que forman parte da Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA), inspectores e persoal técnico do departamento de Avaliación da Consellería de Educación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.