Por Galicia Confidencial | Compostela | 04/12/2024 | Actualizada ás 13:00
Novamente a Comisión de Investigación sobre os contratos da Xunta foi o foco da atención política na Cámara Galega. O máximo mandatario galego puxo en cuestión que o líder do PSdeG, Ramón Gómez Besteiro, acuda á Cámara galega a "falar de respecto" ás institucións "coa que está a caer" no Partido Socialista mentres el "aplaude". "É non estar conectado coa realidade", afirmou Rueda, que sostivo que ao PSdeG "non lle gusta" como vai a comisión de investigación dos contratos da Xunta e criticou tamén que Besteiro só acudise unha vez a este órgano.
"Esta comisión está a servir para que a xente vaia aí a explicarse e das súas razóns. Ás veces a verdade non gusta, pero é a verdade a que se está escoitando alí, por moito que vostede a terxiverse", afirmou. O presidente da Xunta, ademais, sacou os datos de respostas do Goberno bipartito á oposición para asegurar que os gobernos do PP presentan "máis de 20 puntos" de transparencia que o do PSdeG e BNG.
BESTEIRO DENUNCIA A "FALTA DE TRANSPARENCIA" DA XUNTA
Besteiro aproveitou a sesión de control ao presidente para "converter a transparencia institucional nun mero slogan" e denunciou a "opacidade" na xestión publica, o "abuso das contratacións a dedo e o bloqueo de información" nas comisións de investigación parlamentaria.
Neste sentido, puxo como exemplo o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo ao asegurar que o PP "pretende explicar que cambiaron o proxecto porque había crise. E a solución foi facelo máis pequeno e 470 millóns máis caro. É absurdo", criticou, para afear tamén que a Xunta avalase a decisión cun informe de PwC que custou 20.000 euros. "Pagaron 1.000 euros por páxina", censurou.
Besteiro tamén denunciou a estratexia do PP para "vetar a comparecencia do expresidente Alberto Núñez Feijóo e a ocultación de documentos relacionados coa fusión das caixas e a contratación pública". "Esta actitude non só é un insulto ás institucións, senón que é a proba de que saben que son culpables e que Feijóo foi o xefe desta trama", sostivo para trasladar a Rueda que "bloquear a transparencia non o exime de responsabilidades".
Ademais, o socialista referiuse a os medios públicos para censurar que "o control partidista chegase a extremos lamentables". "Só lle falta levar o estudio dos informativos á sede do PP. É unha manipulación intolerable", insistiu. Fronte a iso, propuxo unha batería de medidas para reforzar a transparencia e garantir o bo funcionamento das institucións como regular os lobbys, facilitar un acceso áxil e veraz á información pública e e endurecer as normativas sobre os conflitos de interese.
RUEDA ASEGURA QUE BESTEIRO "NON ESTÁ CONECTADO COA REALIDADE"
Pola súa banda, Rueda criticou que Sánchez non volvese a Galicia desde febreiro "despois de estar practicamente todos os días en campaña" e censurou tamén que o Goberno nomease ao "xefe de prensa do PSOE como secretario de comunicación". "Pregúntame por transparencia, por respecto ás institucións ao mesmo tempo que están colonizando o CIS, que están colonizando a Fiscalía, o Consello de RTVE. Están colonizando todo o que poden", reprochou o presidente.
Rueda reprochou que Besteiro acudise ao Congreso do PSOE en Sevilla a "aplaudir todo isto". Como, segundo dixo, "aplaude coas orellas" a "cota" que van impor "" para Cataluña.
"Sei que é difícil ser cada día máis intranscendente, pero recoméndolle un pouco máis de dignidade e, mentres, nós imos gobernar", dixo para destacar as medidas postas en marcha polo seu Goberno e anunciar a ampliación de Bono Activa Comercio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.