Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/12/2024 | Actualizada ás 16:15
O Parlamento galego instou á Xunta a que se dirixa ao Estado para solicitar a transferencia a Galicia das competencias dos servizos de meteoroloxía e estudos oceanográficos, así como iniciar os trámites para establecer un marco normativo propio.
Esta proposta do PPdeG foi apoiada por BNG e Democracia Ourensana. O PSdeG abstívose. A iniciativa tamén require o traspaso efectivo de funcións, medios financeiros e materiais relativos a estas competencias.
A deputada do PPdeG Paula Prado sinala que esta proposta busca "profundar no autogoberno", ademais de que os últimos fenómenos adversos meteorolóxicos pon de manifesto, ao seu xuízo, a necesidade de "ter información precisa sobre cambios meteorolóxicos". Pide a potestade de poder activar alertas coa experiencia de Meteogalicia.
Remarca que Meteogalicia é unha unidade científica "de referencia a nivel europeo" creada hai 24 anos, dependente da Consellería de Medio Ambiente.
Así, reclama esta xestión de competencias para que Meteogalicia poida emitir alertas, "sen desmerecer á Aemet". "Queremos ser máis exactos e precisos", asevera Prado.
A este respecto, apunta que Meteogalicia conta con 160 estacións fronte ás 52 da Aemet, o que permite actualizacións cada 10 minutos.
DEBATE
Durante o debate, Luís Bará (BNG) recriminou esta petición dos populares "absolutamente oportunista nun contexto dramático" pola DANA, o cal identifica nun "manual de filibusterismo" no Parlamento tras "votar sistematicamente en contra" no pasado a propostas do Bloque sobre este asunto.
Critica que Meteogalicia "non ten personalidade xurídica", polo que esixe "crear unha verdadeira axencia dentro da organigrama" da Xunta e "non unha encomenda de xestión de Tragsa".
Con todo, Bará pon en dúbida a validez deste acordo, posto que "a única vía legal na Constitución" é unha proposición de lei orgánica, que impulsará o Bloque.
Precisamente, o BNG defendeu outra proposta neste pleno na que instaba á Xunta a "rectificar decisións anteriores" e apoiar unha proposición de lei orgánica de transferencia a Galicia de servizos meteorolóxicos. O PP votou en contra desta iniciativa este mércores.
Xullo Abalde acusou aos populares de "tentar desviar responsabilidades cara á Aemet" na recente traxedia da DANA, pero defende que "fixo avisos con tempo".
O deputado socialista afea que a Xunta só busca un "enfrontamento institucional" coa petición de transferencia, polo que pide á Xunta que "lexisle" e faga "esa transformación" de Meteogalicia para incluíla na estrutura interna da Administración galega, "sen necesidade de retirar competencias á Aemet".
Pola súa banda, Armando Ojea (Democracia Ourensana) indicou o apoio do seu grupo a este traspaso, para o que cre que o BNG debe "facer pinza co PP" para facer valer en Madrid o seu "peso específico" de apoio ao Goberno.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.