Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 11/12/2024 | Actualizada ás 14:27
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, emprazou ao Goberno central a que o plan estatal en materia de vivenda recolla "axudas" a promotores e cooperativistas para "facilitar a promoción de vivenda protexida". Fíxoo nunha visita ao barrio coruñés de Xuxán, onde o Goberno galego colabora na dotación de 32 novas vivendas protexidas en aluguer. Esta intervención está a executala a cooperativa A Luzada, tras a adxudicación da parcela por parte da Xunta baixo a modalidade de dereito de superficie, que permite acceder a chan público a cambio dun canon reducido.
No acto, e en declaracións aos medios, insistiu en que por parte da Xunta cumprirase o obxectivo fixado, "que é duplicar na nosa comunidade autónoma a vivenda de promoción pública e fomentar a de protexida", motivo polo que, dixo, expoñen esa demanda ao Ministerio. "A aposta que estamos a facer é clara", sentenciou para citar como exemplo as actuacións no citado barrio coruñés. "Temos un edificio en construción de 40 vivendas, iniciaremos un de 50 o próximo xaneiro e estamos a piques de adxudicar tamén outro de 14 vivendas", engadiu, ademais de sumar a iso a disposición de chan para actuacións no ámbito da colaboración público-privada.
Por outra banda, incidiu na colaboración con outras administracións, entre elas o Concello da Coruña, para "alcanzar o obxectivo común que todos temos", asegurou. Sobre a declaración de mercado tensionado, indicou que a Xunta está "en contra do intervencionismo no mercado do aluguer". Así, lembrou que teñen recorrida a lei estatal de vivenda ao considerar que "non é apropiada" e que "non alcanzará os obxectivos desexables". Con todo, dixo que no caso dos concellos que presenten a solicitude de declaración de zona tensionada "e cumprimenten todos os parámetros e obxectivos que se establecen normativamente" tramitarán "a declaración de zona tensionada". "O Concello da Coruña aínda non presentou nada", en concreto dixo que non o fixo "conforme marca a normativa".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.