Galicia lidera a principal investigación europea sobre o alzhéimer

Máis de cen científicos europeos traballarán en novas solucións contra esta enfermidade, coordinados polo Grupo de Neurociencias Clínicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 23/02/2016 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

A loita contra o alzhéimer vai dar un gran paso científico dende Galicia. O Grupo de Neurociencias Clínicas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) liderará aos máis de cen investigadores internacionais que traballarán no proxecto europeo PANA (Promoting active Ageing: Nanodevices for Alzhéimer’s Disease at ultra-early stages), que xurde co obxectivo de contribuír a mitigar e atrasar os devastadores efectos desta patoloxía. 

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, co responsable da xerencia de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde, e José Castillo,  xefe do Servizo de Neuroloxía e director científico do IDIS
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, co responsable da xerencia de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde, e José Castillo, xefe do Servizo de Neuroloxía e director científico do IDIS | Fonte: Xoán Crespo.

A investigación lidérana o director científico do Idis e profesor da Universidade de Santiago, José Castillo, e o investigador do Servizo Galego de Saúde Tomás Sobrino, que terán cinco anos e un orzamento de 7,8 millóns de euros para desenvolver nanoestruturas que permitan o diagnóstico precoz desta demencia cinco anos antes de que comece a sintomatoloxía clínica. Trátase da principal investigación europea sobre a enfermidade de Alzhéimer, que contempla ademais a contratación de cinco investigadores máis para os laboratorios do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Ata o de agora non existen tratamentos efectivos para a enfermidade de Alzhéimer, posiblemente porque a patoloxía é diagnosticada en etapas tardías. Por iso, o proxecto PANA ten como obxectivo desenvolver un sistema de detección precoz baseado na nanotecnoloxía, mediante o deseño de nanoestruturas multimodais que se unen a un biomarcador específico da enfermidade, e que poderán ser detectados por técnicas de neuroimaxen como a Resonancia Magnética e a Tomografía de Emisión de Positrones (PET), informa a USC.

As nanoestruturas teranósticas que desenvolverá este proxecto recoñecen dianas terapéuticas moi precoces implicadas no comezo e avance do alzhéimer desde un punto de vista traslacional e multidisciplinar.  

Aumento das mortes
O alzhéimer é a primeira causa de demencia no adulto. Máis de 7,5 millóns de cidadáns europeos, de idades comprendidas entre os 30 e 99 anos, sofren algún tipo de demencia. 

O cambio demográfico europeo, co envellecemento progresivo da súa poboación (especialmente en Galicia), acompañado dunha mellor atención sanitaria condiciona un incremento da súa incidencia e prevaleza para os próximos anos. Entre 2000 e 2013 as mortes por esta enfermidade aumentaron nun 71%.

E-consulta en Santiago 
Cada ano vense uns 2.600 pacientes con demencia nas consultas de neuroloxía cognitiva da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, dos que a maioría son mulleres e cuxa patoloxía máis frecuente é o alzhéimer.

Só na área sanitaria de Santiago calcúlase que pode haber uns 6.000 pacientes afectados con algún grao de demencia (un 7% dos maiores de 65 anos). A incidencia aumenta en relación co envellecemento poboacional. Os doentes da área sanitaria compostelá contan cunha e-consulta para facilitar o acceso á consulta hospitalaria e propiciar a valoración, diagnóstico e tratamento precoces.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sarta

Alégrome. Noraboa.