“O PP sempre estivo nas convocatorias a favor da lingua galega, e mesmo as promoveu”

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destaca nesta entrevista o traballo que a Xunta realizou e está realizando en prol do galego estes últimos anos, a pesar do informe da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (CELRM) que apreciou certas discriminacións no uso do galego, entre elas, no ámbito educativo, xudicial ou dos medios de comunicación.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 25/02/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Valentín García insiste en que o PP “defende” o idioma galego e lembrou que as grandes normas que regulan a normalización do galego foron aprobadas con gobernos do Populares; a Lei de normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística
Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística

Por iso, insiste en que tanto a Xunta, como o propio Estado español, están “cumprindo” xa coas recomendaciós da CELRM, entre elas, implantar sistemas de presentacións, notificacións e comunhicacións electrónicas entre os xulgados e os profesionais ou abrir un Portal Xurídico Galego (Lexgal).

Neste sentido, destaca que esta entidade “constatou o moi elevado nivel de protección que teñen as linguas rexionais e minoritarias en España”. Ademais, lembra que a propia Europa “ten unha moi consolidada vocación de fomento do plurilingüismo”. “Por iso, non vai ser a educación plurilingüe o que nos achaquen os expertos da CELRM”, engade.

Sobre as críticas aos poucos medios de comunicación en galego, o secretario xeral de Política Lingüística di que é un problema xeral a “todas as linguas cooficiais, non só para o galego, senón para o catalán e o éuscaro”, e destaca que o informe apunta a un aumento da prensa dixital en galego.

“Promover o galego nos medios é moi importante, pero eses medios teñen que ser proxectos empresariais viables e ter lectoras e lectores que demanden a información que ofrecen. Ningún proxecto empresarial debería vivir pendente das axudas públicas, sexan polo concepto que sexan”, destaca.

Valentín García e Carlos Mella, na homenaxe a Castelao
Valentín García e Carlos Mella, na homenaxe a Castelao | Fonte: Xunta

Sobre as subvencións aos medios tradicionais por publicar tan só un 8% en galego di que hai que ter en conta que “o uso do galego tamén se mide respecto ao impacto que teñan as noticias que se expresan nesta lingua”. Neste sentido, salienta que, tanto La Voz de Galicia como Faro de Vigo, son os que, tanto en soporte papel como dixital, “acumulan a maior parte dos lectores/as de Galicia, e iso hai que telo en conta”.

Consideras que houbo un tirón de orellas da UE?

De ningún xeito. O que houbo foi a elaboración dun informe periódico trianual de natureza analítica a partir do que se chega a unhas recomendacións feitas aos gobernos para mellorar. O Consello de Europa non fai este tipo de cousas para tirarlle polas orellas a ninguén. Trátase de indicar pautas de actuación co obxectivo de seguir avanzando.

Pero ademais, non podemos referirnos así a un informe que comeza felicitando o Estado Español porque di literalmente que a situación tras o último, de 2012, "mellorou considerablemente". Constata o “moi elevado nivel de protección" que teñen as linguas rexionais e minoritarias en España e tamén sinala certas carencias no uso das linguas cooficiais na Xustiza ou na asistencia sanitaria, que nós xa tiñamos diagnosticadas e que incluso afectan máis outras CCAA ca a Galicia.

No caso de  Galicia pon de relevo aspectos positivos como o incremento do número de medios de comunicación audiovisual privados que emiten parte da súa programación en galego, así como o notable incremento do uso do galego nas actividades culturais, o gran avance nas relacións transfronteirizas e, con máis moderación, en ámbitos como o comercio e, en xeral, o económico. O Estado está cumprindo.

E como interpreta a Xunta as recomendacións da Carta Europea das Linguas rexionais?

Esas son as importantes, as recomendacións do Consello de Ministros. Son as que teñen un carácter executivo, o que os Estados deben asumir e aplicar, e dende a Xunta de Galicia xa dixemos dende o primeiro momento que asumiamos as seis recomendacións enteiras. Dúas refírense á Administración de Xustiza e as outras á Administración do Estado, aos servizos de saúde, ao ensino e ao recoñecemento das linguas fóra dos territorios das comunidades autónomas.

O conselleiro xa dixo que se estaban tomando medidas correctivas. A que medidas se refire?

A todo o traballo que estamos facendo en calquera deses ámbitos. Estamos traballando en todas e cada unha das liñas que veñen marcadas nas recomendacións. Das seis recomendacións, dúas refírense o ámbito xurídico. Pois, por poñer uns exemplos, neste mes de xaneiro implantouse o sistema de presentacións, notificacións e comunicacións electrónicas entre os xulgados e os profesionais que facilita o emprego da lingua galega en igualdade de condicións co castelán. Tamén imos abrir en breve o Portal Xurídico Galego (Lexgal), que poñerá a disposición da cidadanía as normas xurídicas en galego. Polo que se refire ao ámbito da empresa, recentemente presentouse no Parlamento de Galicia un Plan de Dinamización da Lingua Galega no Tecido Socioeconómico.

O informe advirte de que a inclusión dunha terceira lingua no sistema educativo "non pode ir en detrimento" do idioma propio. Non cres que con isto se prexudica ao galego?

Precisamente, o informe di que “non pode ir en detrimento”, o que non quere dicir en ningún caso que vaia. É máis, nas recomendacións din que o Estado debe  “continuar a garantir que a oferta de educación trilingüe non afecta negativamente á protección e promoción das linguas minoritarias”. Iso é porque xa estamos garantindo a protección da lingua galega cando se implanta unha educación trilingüe nos centros. Europa ten unha moi consolidada vocación de fomento do plurilingüismo, polo que non vai ser a educación plurilingüe o que nos achaquen os expertos da CELRM.

Entón como explicas que practicamente todos os partidos –agás o PP- e distintas asociacións como Prolingua ou A Mesa digan que se trata dun correctivo ao famoso decreto do plurilingüismo?

O PP sempre estivo nas convocatorias a favor da lingua galega, e mesmo as promoveu. No anterior mes de setembro acudiu a unha convocatoria da Mesa Pola Normalización Lingüística con todos os partidos e moitas máis entidades.

Debemos ter en conta sempre que as grandes normas que regulan a normalización do galego foron aprobadas con gobernos do PP. Dende a Lei de normalización Lingüística ata o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, todo o marco normativo do que dispoñemos foi aprobado por gobernos do PP. Incluso a ratificación da Carta foi feita polo Goberno de José María Aznar.

O Decreto 79/2010 axústase á Lei, superou 8 sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) e mais a do Tribunal Supremo e o recurso presentado pola RAG ao Tribunal Constitucional non foi nin admitido a trámite. Polo demais, estase aplicando con normalidade e non está creando ningún tipo de problema na comunidade educativa. Temos comprobado que a presenza do galego nas aulas respecta o equilibrio co castelán. Pode gustar máis ou menos (tampouco gustou o anterior) pero este estase aplicando con total normalidade.

E que opinas da campaña que se vai poñer en marcha en distintas institucións con mocións en contra do decreto?

Vén sendo outro intento de darlle visibilidade a un conflito que logo resulta que non existe. O 98% da poboación declara entender moito ou bastante o galego, o 97,16 % afirma saber falalo,  o 83% afirma saber escribilo e o 97% saber lelo. Estas cifras representan as porcentaxes de coñecemento e de competencia máis elevadas da historia. Calquera pode chegar á conclusión de que o problema da nosa lingua non está no ensino.

Outra cousa é o uso, pero o uso dáo a sociedade no seu conxunto, non o sistema educativo. Ademais, en canto ao uso, o propio informe recoñece que o galego continúa sendo a lingua maioritaria de Galicia, o que a sitúa nunha posición de clara vantaxe con respecto ás outras linguas europeas avaliadas polo comité de expertos da CELRM.

No informe da Carta Europea tamén se alude á escaseza de medios en galego. A cres que se debe isto?

É certo que se alude a este tema, pero é un aspecto que destaca para todas as linguas cooficiais, non só para o galego. Os medios de comunicación escritos sufriron moito coa crise, non só os escritos na  nosa lingua. Cabeceiras moi potentes pasáronse ao dixital, tamén medios en galego, catalán ou éuscaro.

Por outra parte, no informe non só se recollen datos negativos no ámbito dos medios de comunicación. O aumento de prensa en soporte dixital é un factor positivo que se destaca , así como o aumento do uso da lingua nos medios audiovisuais de natureza privada.

E non pensas que tamén inflúe o pouco apoio de institucións como a Xunta?

A Xunta fai esforzos moi importantes para potenciar o emprego do galego nos medios de comunicación. Así está establecido dende o principio do proceso normalizador ata o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Promover o galego nos medios é moi importante, pero eses medios teñen que ser proxectos empresariais viables e ter lectoras e lectores que demanden a información que ofrecen. Ningún proxecto empresarial debería vivir pendente das axudas públicas, sexan polo concepto que sexan.

Entón como se explica que xornais como La Voz, Faro de Vigo e os outros de ámbito provincial ou local que están escritos case na súa totalidade en castelán recibirán o último semestre máis de 300.000 euros en axudas para “fomentar o galego”? E realmente fomentan o galego?

As axudas á promoción do galego nos medios distribúense de maneira rigorosa de acordo cunha serie de criterios obxectivos entre os que destaca o número de usuarios e usuarias que teñen acceso ao seu contido. Debemos ter en conta sempre que o uso do galego tamén se mide respecto ao impacto que teñan as noticias que se expresan nesta lingua e os dous medios que me citas son os que, tanto en soporte papel como dixital, acumulan a maior parte dos lectores/as de Galicia, e iso hai que telo en conta.

Cales son os obxectivos da túa secretaría para este ano?

Fundamentalmente, impulsar os programas de dinamización lingüística destinados á xuventude e ás familias. Ese é un sector fundamental sobre o que estamos a actuar con intensidade por medio da Rede de Dinamización Lingüística. Pero ademais, este vai ser o ano en que comecemos a preparar un gran plan de dinamización do galego entre a mocidade.

Estamos xa a facer un esforzo considerable na aplicación do recentemente rematado Plan de dinamización no tecido económico. Tamén vai ser un ano importante nos avances no ámbito xurídico  - seguindo o informe e recomendacións da CELRM. Ademais das posta en marcha dese “expediente electrónico” de que xa falei, que permitirá o acceso en galego igual ca en castelán aos documentos xudiciais, tamén se van poñer as normas xurídicas a disposición da cidadanía en galego a través do Portal Xurídico Galego (Lexgal).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 42 comentarios

2 Cansada del gallego

La Xunta lo que hace es envenenar a los niños con tanto plurilingüísmo. Lo que tenía que hacer es poner clases en español sólo y en gallego y que seamos los padres los que decidamos lo que quieren estudiar nuestros hijos. Así no se gastan millonadas en actos que son chorradas como el de homenajear a una mujer que se expresaba en castellano aunque escribió cuatro cosas en gallego, o en medios gallegos que solo leen cuatro personas.

1 Cansado de la falsedad

nostrus disfrazado de cansada del gallego? Lo que faltaba por ver! Vuestra supuesta defensa de la libertad lingüística sólo esconde la promoción de la comodidad de los castellanohablantes. Te lo dice un castellanohablante que sabe gallego, inglés, portugués y que le encantaría saber mil idiomas más. Por cierto, GC es un medio en gallego. Si sólo lo leen cuatro personas, ya sabemos que tú eres una. Con nostrus, ya sois dos (a no ser que seáis el mismo)... En fin, que sólo demostráis ignorancia en cuanto a las lenguas: no es un insulto, es una realidad porque habláis sobre lo que desconocéis y además tergiversáis el término libertad.

2 nostrus

1 Cansado de la falsedad. Non, non me achaque ese comentario que non é meu, pero direiche que tamen defendo a comodidade dos galegofalantes, pero dende logo estou en contra das ideas maniático-identitarias dos nacionaloides para que o mundo xire ao seu antoxo sin importarlle os dereitos dos demais. Ao nacionalismo non lle debemos facer caso, pero debemos deixalos vivir na sua charca si ese é o seu desexo.

1 Carme

É todo falso, pura propaganda, e sabémolo. Na vosa folla de ruta está eliminardes o galego como lingua de vida e así facer, como xa o conseguistes, que os nosos pícaros perciban o idioma dos seus pais e avós como un adorno prescindible, innecesario, inútil. Inoculastes o veleno do autoodio lingüístico con máis saña ca nunca. Pero a historia non vos absolverá, nin a ti, que non tes moitas luces, nin ao teu predecesor, "o gran sociolingüista".

1 Fartodalingua

A ver Carmiña que te noto un poquito alporizada. ¿Qué pretendes? ¿Que el gallego sea la única lengua vehicular? Y mujeriña, lo de las luces se demuestra desde el respeto, no insultando a quien no piensa como tú. ¿Acaso los gallegos cuya lengua propia es el español, no tienen derecho a que sus hijos se eduquen también en una de las lenguas oficiales de la Comunidad, o eres partidaria de la inmersión obligatoria? Un poquito de por favor.

2 teutonio

Fartodalingua, non cres que os teus prexuízos te traicionan?, en ningún momento falou de lingua vehicular ou de inmersión obrigatoria (que na miña opinión produciría verdadeiros bilingües).

3 Cansado de la falsedad

Totalmente de acuerdo con teutonio, lo que decía antes. COMODIDAD PARA MI POR HABLAR LA LENGUA QUE HABLO Y JUSTIFICACION DE PREJUICIOS disfrazado de LIBERTAD LINGÜISTICA.