Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2024 | Actualizada ás 12:25
Os concellos de Galicia outorgaron no pasado mes de setembro un total de 167 licenzas para construción de edificios de nova planta, que darán lugar a un total de 421 novas vivendas, segundo os datos publicados este luns polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Así, ademais desas licenzas, tamén se outorgaron 150 permisos de rehabilitación de edificacións e 17 licenzas de demolición. Á marxe das 421 vivendas novas, en setembro o número de vivendas creadas en rehabilitación foi de 79. Con respecto á comparación con setembro do ano pasado, as licenzas para edifición de nova planta baixaron (178 en setembro de 2023), do mesmo xeito que as licenzas de rehabilitación (154 nese mes do ano pasado). Non entanto, creceu o número de vivendas novas a partir desas licenzas, 421 fronte ás 241 do ano anterior.
OS LIBROS DE SUBCONTRATACIÓN PODERÁN TRAMITARSE TELEMATICAMENTE
Os libros de subcontratación necesarios para a promoción de obras de construción poderán tramitarse de forma telemática a partir deste xoves 2 de xaneiro de 2024. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración que habilita a realización deste trámite na sede electrónica da Xunta. O novo procedemento está enfocado a reducir a carga burocrática e evitar a necesidade de desprazarse fisicamente ás capitais de provincia onde, ata agora, se levaba a cabo este procedemento.
En concreto, poderán solicitar a habilitación do libro de subcontratación aquelas persoas físicas ou xurídicas que ostenten a condición de contratistas, sempre con carácter previo á subcontratación cun subcontratista ou cun traballador autónomo de parte da obra que teñan contratada. Pola súa banda, os promotores que contraten directamente traballadores autónomos para a realización da obra ou de determinados traballos dela tamén solicitarán o libro de subcontratación. Para solicitar a habilitación do libro de subcontratación a persoa contratista deberá estar inscrita no Rexistro de Empresas Acreditadas como contratistas ou subcontratistas no sector da construción de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.