Rueda asegura que "non falta moito" para coñecer o resultado da avaliación ambiental da Xunta sobre Altri

Segundo o presidente da Xunta, o Goberno central acumula nos últimos anos "moitas promesas" e "ningunha cumprida" sobre a AP-9 mentres vén de "moitos anos subindo unha porcentaxe altísima" das súas tarifas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/01/2025 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, manifestou que espera que o traspaso das competencias de xestión do litoral a Galicia se produza "canto antes" e afirmou que "non falta moito tempo" para que se coñeza a decisión da Administración autonómica sobre a avaliación ambiental do proxecto de Altri en Palas de Rei. Así o trasladou a preguntas dos xornalistas este mércores tras participar nun acto en Santiago, onde se referiu ás prioridades coas que o Goberno galego encara o principio de ano.

Alfonso Rueda
Alfonso Rueda | Fonte: XUNTA

Neste sentido, o mandatario autonómico dixo que "o primeiro e fundamental" é "activar todas as medidas e previsións" dos orzamentos que están en vigor desde o 1 de xaneiro para encarar asuntos como a construción de vivenda ou a "mellora" de servizos públicos fundamentais como a educación ou a sanidade. Ademais, sinalou que 2025 será un ano "de non deixar pasar as oportunidades de instalación de empresas en Galicia que cren emprego e cumpran coa normativa ambiental". "Todos aqueles investimentos que queiran vir para Galicia e que, insisto, cumpran coa normativa, non o podemos deixar pasar", apostilou. "Son moitos retos que eu resumiría en seguir xestionando o día a día e dedicarnos a isto, sen perder o tempo, nin en discusións, nin en pelexas, nin en cousas que os cidadáns nin lle interesan, nin agradecen, porque nos poñen aquí para gobernar o día a día e é o que penso facer", engadiu.

ALTRI

En canto a Altri, Rueda sinalou que a tramitación do expediente ambiental do proxecto da fábrica na Ulloa está "nas súas últimas fases" e "non falta moito tempo" para coñecer o ditame. En todo caso, remarcou que se trata dun proceso "complexo" que require do "tempo que sexa necesario". "Polo que me din, non falta xa moito tempo. Pero insisto, o tempo que faga falta", engadiu.

COMPETENCIAS

Cuestionado sobre o traspaso das competencias en litoral, Rueda afirmou que espera que "en moi poucas semanas" do presente mes de xaneiro se execute a transferencia cun acto no que estaría "encantado" que participase o ministro de Política Territorial, Ángel Víctor Torres. En todo caso, lembrou que o País Vasco xa recibiu estas competencias a pesar de empezar o proceso "despois" de que o Tribunal Constitucional "dese a razón a Galicia", "aproveitando esta circunstancia". Rueda remarcou que "non" quere "pensar mal" e que Galicia "ten o mesmo dereito" que Euskadi a que se materialice unha transferencia que espera que "se peche canto antes" ao longo do presente mes de xaneiro.

En canto ao traspaso das competencias en meteroloxía, Rueda subliñou que "é fundamental" que estas funcións as asuma Meteogalicia, que conta con "moitos medios técnicos para poder exercelas" e facelo "en mellores condicións do que se está facendo agora, sen desmerecer á Aemet". "Estamos a ver como o País Vasco ou Cataluña están a pedir transferencias e conseguíndoas rapidamente. Todos sabemos que se debe a esa hipoteca permanente que o Goberno central ten con esas comunidades. Galicia non quere ser máis que ninguén, dígoo sempre pero, desde logo, tampouco menos que ninguén", concluíu.

BONIFICACIÓNS DA AP-53

Por outra banda, Rueda lamentou a falta de concreción sobre a entrada en funcionamento das bonificacións anunciadas polo Goberno central para usuarios frecuentes da AP-53. Destacou que esas rebaixas, polo momento, son "unha promesa", xa "se verá cando se materializan", pero que, "en todo caso, para nada compensan" os "tarifazos" que desde o 1 de xaneiro se aplican nas peaxes desa autoestrada e a AP-9.

Segundo Rueda, o Goberno central acumula nos últimos anos "moitas promesas" e "ningunha cumprida" sobre a AP-9 mentres vén de "moitos anos subindo unha porcentaxe altísima" das súas tarifas, ao que sumou as "promesas" en campaña electoral "de partidos que están na oposición" que falaban da gratuidade desta infraestrutura. Neste sentido, lembrou que demandou a finais de 2024 ao ministro de Transporte, Óscar Puente, que se pronunciasen sobre a transferencia da titularidade da autoestrada, algo que "toda a sociedade galega está a pedir", pero que recibe "unha calada por resposta" o que fai, segundo o mandatario autonómico, albergar "poucas esperanzas".

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nun acto | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta