Rueda sobre a non invitación á Xunta ao acto de Marlaska en Tui: "É unha máis do Goberno de España, xa me sorprende pouco"

A Xunta lamenta a "falta de respecto institucional" e avoga polo "entendemento" entre administracións.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 09/01/2025 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou este xoves que o Goberno de España non contase con ningún representante do executivo autonómico no acto de inauguración de novo Centro de Cooperación Policial e Aduaneira (CCPA) de Tui, presidido polo ministro Fernando Grande-Marlaska, e cualificou como "triste" o feito de que non se tivese en conta á Xunta e a estreita relación entre Galicia e o Norte de Portugal, nun acto con autoridades portuguesas.

Tras participar presentar en Tui (a escasos 2 quilómetros do CCPA)a licitación dun novo tramo da AG-42, e preguntado polos medios acerca da ausencia da Xunta nesa inauguración presidida polo ministro do Interior, Alfonso Rueda explicou que o Goberno galego decatouse "polos medios" do acto do ministro. "É unha máis, xa me sorprende pouco", proclamou Rueda, que sinalou que á Xunta "non lle pode gustar" nin pode "entender" que a ignorasen nun acto en materia de cooperación transfronteiriza, neste caso no ámbito da seguridade, cando existe unha relación tan estreita entre Galicia e o Norte de Portugal. "Estou absolumente seguro de que se fora nunha Comunidade Autónoma presidida polo PSOE, isto non sucedería", apostilou.

O titular do goberno galego lamentou "moitísimo" a posición do Goberno central, porque Galicia "sempre ofrece lealdade", e atópase "con este tipo de xestos". "En política, os xestos e a relación institucional tamén son importante, e pensar que non merece a pena que ningún representante da Xunta estea presente neste tipo de actos, de relación con Portugal, é bastante triste", engadiu. Segundo Alfonso Rueda, este "tratamento do Goberno central cara á Xunta" é "cada vez menos inusual", pero insistiu en que a administración autonómica seguirá "tendendo a man" e tentando ter "o comportamento xusto contrario", á vez que avogou porque haxa "entendemento entre administracións, e non boicotearnos e ignorarnos".

"FALTA DE RESPECTO INSTITUCIONAL"

Na mesma liña, pronunciouse este xoves o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, que lamentou que o Goberno "se esquecese" de convidar á Xunta ao acto de Marlaska, especialmente, "tendo en conta a importancia do centro de cooperación transfronteiriza" e a colaboración entre Galicia e o Norte de Portugal desde hai anos, "un exemplo para toda Europa". "Non entanto, a pesar desa falta de respecto institucional, a Xunta seguirá traballando con lealdade, como o fixo ata agora, para defender os intereses de Galicia", sentenciou.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda (c), xunto á conselleira María Martínez Allegue (i) e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González (d), no acto no que se anunciou a licitación dun novo tramo da AG-42
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda (c), xunto á conselleira María Martínez Allegue (i) e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González (d), no acto no que se anunciou a licitación dun novo tramo da AG-42 | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta