A Xunta apela aos concellos a crear plans contra inundacións á vista de que episodios como os do mércores "van suceder"

"Seguramente Augas de Galicia pódeo facer mellor, pero seguramente os concellos tamén o poden facer mellor", di a conselleira Ángeles Vázquez sobre as queixas de veciños en Santiago.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO | 09/01/2025 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, apela aos municipios a elaborar os seus plans contra inundacións para evitar que se repitan episodios como os vividos no temporal do pasado mércores en Galicia con desbordes e alagamentos. A preguntas da prensa en Santiago polo temporal do pasado mércores, a conselleira pediu "tranquilidade aos galegos", xa que existe "un bo sistema tanto en Meteogalicia como Augas de Galicia" que "con antelación" fai a previsión.

Apunta que neste caso, "con 24 horas de antelación", "todos os medios e a sociedade" coñecían que ía haber fortes choivas e ventos, pois "había alerta amarela" en concellos como Santiago e laranxa na costa. Garante que hai "alertas nun tempo prudencial para poder tomar certas medidas". "Este tipo de sucesos parece que van suceder", afirma sobre episodios meteorolóxicos extremos polo cambio climático, pero en Galicia "non hai eses desfasamentos tan grandes", "o cal non quere dicir que non teñamos episodios de calor continuados ou trombas de auga".

De tal forma, Vázquez avoga pola "coordinación" e pide aos concellos que actúen con plans contra as inundacións e que nas cidades se limpen "si ou si" os sumidoiros sen esperar a que haxa anegacións. "Estamos ao seu lado", sostén. Pon de exemplo que unha "pequena actuación" en Neda fixo que "os seus veciños durmiran moito máis tranquilos" e non houbo problemas.

DENUNCIAS DE VECIÑOS DE SANTIAGO

Cuestionada por denuncias de veciños de Santiago sobre falta de limpeza no río por parte de Augas de Galicia, a conselleira respondeu: "Seguramente Augas de Galicia pódeo facer mellor, pero seguramente os concellos tamén o poden facer mellor". "Hai competencias que están perfectamente claras e nun río que pasa por unha zona urbana a competencia é única e exclusivamente do municipio". "Se está fóra da zona urbana, a competencia é de Augas de Galicia ou da Confederación Hidrográfica", agrega.

Bolsa de auga na contorna da estación intermodal de Santiago
Bolsa de auga na contorna da estación intermodal de Santiago | Fonte: Europa Press - Arquivo

"Por tanto, en función de todo isto, hai que entender aos veciños, e é lóxico, porque se están a alertar de que hai troncos á beira dunha ponte e que alguén se faga cargo, alguén se ten que facer cargo de todo isto", apostila. Defende que a Xunta fixo modificacións na lei para que non haxa "trabas", polo que mediante unha simple declaración responsable pódense facer podas ou retirar troncos do río. "Isto de botarse as culpas a uns ou outros... Hai que actuar", asevera. "Cada un, por favor, que empece a actuar en función das súas resposablidades", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta