A Xunta pide información ao Estado e ao Concello da Pobra pola vertedura de hidrocarburos da antiga Hadasa

Na xornada do xoves, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, apuntou a que ve "algo raro" na vertedura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/01/2025 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, dependente da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, remitiu dous documentos para pedir información a Costas do Estado e ao Concello da Pobra do Caramiñal pola vertedura, o pasado día 5 de xaneiro, na contorna da extinta empresa Hadasa, que está en estado de abandono desde hai máis de 20 anos.

Por iso, segundo avanzaron fontes da Consellería de Medio Ambiente a Europa Press, a Xunta solicitou ao goberno local información sobre a titularidade das instalacións e terreos que o seu momento pertencían á fábrica de fariñas. Ademais, pediu á Dirección Xeral da Costa e o Mar, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a documentación existente sobre o proxecto de obra e recuperación do litoral "promovida por ese departamento hai aproximadamente dous anos". O Executivo galego explicou que analizan as mostras recollidas na zona da vertedura e nas últimas horas técnicos de Augas de Galicia do Servizo e inspección ambiental desprazáronse ata o punto para revisar as antigas instalacións e tentar identificar a orixe da vertedura.

INVESTIGACIÓN

Pola súa banda, na xornada do xoves, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, apuntou a que ve "algo raro" na vertedura. Así, a preguntas dos medios en Santiago, Vázquez sinalou que se avanza na investigación sobre o sucedido, aínda que "non se pode permitir que haxa contaminación nas rías". "Por ese tubo está a saír... pois non sabemos moi ben se gasoil, están a analizar agora mesmo", relata.

No marco da investigación, as inspeccións de Augas de Galicia localizaron a orixe da vertedura na contorna das instalacións da extinta empresa Hadasa, que se atopa en estado de abandono desde hai máis de 20 anos. Os primeiros indicios solicitados apuntan ao sistema de tubaxes de carga dos antigos depósitos de gasóleo da factoría como posible orixe da vertedura, que obrigou a activar o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) en fase de alerta.

Antigas instalacións de Fariñas do Atlántico (Hadasa), na Pobra do Caramiñal
Antigas instalacións de Fariñas do Atlántico (Hadasa), na Pobra do Caramiñal | Fonte: G24 - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta