Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/01/2025 | Actualizada ás 14:45
O senador do PP José Manuel Baltar negou este luns que conducise a 215 quilómetros por hora nun tramo da autovía A-52, á vez que o seu avogado denunciou que se vulneraron os seus dereitos durante a investigación. A Fiscalía mantivo a súa petición de multa de 1.800 euros e a retirada do carné de conducir durante un ano e un día por un delito contra a seguridade viaria.
RUEDA
Sobre este caso, o presidente galego, evitou pedir a dimisión do ex presidente da Deputación de Ourense se é condenado. "Imos agardar os resultados e a petición do fiscal agora é unha petición menor", dixo. "Por aí pode ir a sentenza se é condenatoria que sería moi diferente do que que algúns dixeron que ía ser", engadiu na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta.
BESTEIRO
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Xosé Ramón Gómez Besteiro, dixo que Baltar é o exemplo do "capital humano" que Alberto Núñez Feijóo "quere exportar ao resto de España", no que tamén situou ao que fose presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, "condenado por unha serie de delitos e que hoxe está á fronte do fútbol español".
"Esas son as achegas que Feijóo traslada e polas que considero, como socialista e cidadán responsable, que non está capacitado, nin pode, nin debe de Gobernar", dixo Besteiro. "Xa non se trata das malas amizades de Feijóo. Neste caso non se trata do narcotraficante Marcial Dorado, se non da aposta persoal por determinadas persoas", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.