A Xunta sobre as baixas: "Ten un gran impacto social e económico, porque o sistema é o que paga"

Sanidade cre que o "problema" das baixas é unha "responsabilidade compartida" de pacientes, médicos e administración.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/01/2025 | Actualizada ás 13:10

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamño, considera que o "problema" do alto índice de incapacidades temporais en Galicia é de "responsabilidade compartida" entre pacientes, médicos e a propia administración. Así se pronunciou este martes o conselleiro, ao ser preguntado antes dun acto en Santiago sobre os datos avaliados o luns polo Consello da Xunta e que arroxaron que, entre xuño e decembro de 2024, a Inspección sanitaria detectou e deu de alta unhas 13.600 baixas inxustificadas de entre as 20.000 avaliadas --un 67 por cento--.

"Os datos son os que son. Nin sorprenden nin deixan de sorprender, son datos", recalcou Gómez Caamaño, quen explicou que a clave deste plan foi "xestionar e optimizar todo o proceso de incapacidade temporal" para "conseguir mellores resultados". Sobre as causas destas cifras, o titular de Sanidade afirmou que é un "proceso multifactorial", que non só afecta á Comunidade galega, que "é crecente" e que ten "un gran impacto" a nivel non só sanitario, senón tamén social e económico, porque "o sistema é o que paga".

Neste contexto, dixo que este "problema" vai "máis aló dos pacientes", porque a Administración debe "dar unha resposta rápida" aos casos de incapacidades temporais e os profesionais "deben estar ben formados" para que "o sistema funcione rápido e ben".

"A realidade é que, tras inspeccionar máis de 20.000 casos, o 67 por cento foron altas ao día seguinte, o cal significa que, se ti fas un bo control da baixa en todos os seus aspectos, pois podes mellorar eses tempos", resumiu. Estes datos forman parte dese informe sobre o plan de mellora da xestión das incapacidades temporais posto en marcha o ano pasado.

O Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño / Xunta / Europa Press
O Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño / Xunta / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta