Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2025 | Actualizada ás 11:45
Jesús Pérez Varela (Redondela, 1949), quen foi conselleiro de Cultura nos últimos gobernos de Manuel Fraga na Xunta (entre 1997 e 2005), e impulsor do proxecto da Cidade da Cultura no compostelán monte Gaiás, faleceu. Fontes do PP galego confirmaron a Europa Press este xoves o falecemento de Pérez Varela, quen tamén xogou un papel crave no ámbito dos medios de comunicación nos anos 90.
Natural da localidade pontevedresa de Redondela, estudou no Instituto Santa Irene de Vigo e xornalismo en Madrid, antes de xogar un papel de peso na etapa do 'fraguismo' en Galicia. Traballou en varios medios ata que a principios dos 90 foi nomeado responsable autonómico de comunicación do presidente da Xunta, cargo que entón ocupaba o tamén falecido Manuel Fraga. Posteriormente, foi elixido deputado do PPdeG no Parlamento galego e nomeado conselleiro de Cultura.
FIGURA LIGADA Á CIDADE DA CULTURA
A súa figura, polos pasos dados neste cargo, quedará vinculada á Cidade da Cultura, proxecto do que foi ideólogo e que defendeu con vehemencia nunha das súas últimas intervencións públicas destacadas: a comisión que, co bipartito de PSdeG e BNG á fronte da Xunta, investigou na Cámara en 2007 o proxecto e construción do macrocomplexo cultural do Gaiás. Tamén xogou un papel destacado na aposta polo Camiño de Santiago e, tras perder o PPdeG o goberno autonómico en 2005, estivo varios anos no consello de administración da CRTVG. Posteriormente, apartouse da vida política.
AXUDAS AOS MEDIOS
Foi Feijóo quen prescindiu dos servizos de Pérez Varela, unha das mans dereitas de Fraga en materia de cultura e comunicación. De feito, foi el un dos impulsores da política de subvención e control masiva dos medios de comunicación. O propio Xosé Manuel Beiras referíase a el como "o pequeno Goebbels",
CONDOLENCIAS DE RUEDA
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou o falecemento de Jesús Pérez Varela, como "persoa importante" que foi membro do Goberno galego e xa trasladou as súas condolencias á familia. En declaracións aos medios ao finalizar un acto organizado pola Consellería de Sanidade na Cidade da Cultura, proxecto que Pérez Varela liderou, Rueda destacou que o exconselleiro "deixou unha pegada importante na promoción da cultura de Galicia e da súa imaxe".
Sobre a súa vida política, aínda que levaba máis dunha década "retirado" do foco público, o actual presidente galego cre que Pérez Varela tivo "os seus acertos" e "os seus erros". "Que os tivo, tamén. Todos os temos", apostilou. "Descanse en paz. Dor pola súa morte e, como membro que foi do Goberno da Xunta de Galicia, pois especial apego e pór en valor, sobre todo, as cousas boas que deixou, que as deixou", resolveu Rueda.
PÉSAME DO PP
Pola súa banda, a secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, iniciou unha rolda de prensa en Santiago trasladando o pésame da "familia" do partido que dirixe Alfonso Rueda aos achegados de Jesús Pérez Varela. Prado recoñeceu o papel político de Pérez Varela, cuxa morte transcendeu na mesma semana na que se cumpren 13 anos do falecemento de Fraga. Como argumento, esgrimiu que estivo presente nas decisións políticas autonómicas nun "momento clave de apertura ao mundo" da Comunidade galega "a través do Xacobeo, da Cidade da Cultura ou da CRTVG". Así, enviou "un abrazo" e "todo o agarimo" do PPdeG a toda a familia e seres queridos de Pérez Varela.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.