Xorden as primeiras voces críticas coa decisión do PSOE sobre Muíños: Bugallo e o alcalde de Ames

Gonzalo Muíños recorrerá a suspensión de militancia de 18 meses imposta polo PSOE.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/01/2025 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

O exalcalde socialista de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o alcalde do veciño municipio de Ames, Blas García, (tamén do PSOE) mostraron o seu apoio ao ata agora portavoz municipal na capital galega, Gonzalo Muíños, tras ser suspendido durante un período de 18 meses por "indisciplina reiterada", tal e como sinala a resolución do expediente disciplinario aberto pola formación.

Nunha mensaxe en redes sociais, Sánchez Bugallo quixo mostrar a súa "tristeza e desgusto" ante a resolución do expediente aberto ao portavoz municipal. Para o exrexedor compostelán, esta decisión "non resolve o conflito", senón que "o eleva de categoría". "Estou convencido de que defrauda á maioría dos electores que mantiveron a confianza en nós no 2023", afirma. Así, Bugallo mostrou o seu apoio a Gonzalo Muíños, "unha persoa dedicada ás súas responsabilidades e querida polas veciñas e veciños de Santiago.

Nesta mesma mensaxe, o que fóra alcalde de Santiago en dous períodos diferente sinala, do mesmo xeito que o rexedor de Ames, que "este camiño" non os leva "a recuperar a confianza dos electores". "Só podo dicir que así non se gañan eleccións, todo o contrario", aseverou na rede social 'X' Blas García, que tamén defendeu que Muíños "demostrou durante o tempo como concelleiro o seu compromiso co partido e coa cidade".

O portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, xunto ás concelleiras Mila Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez
O portavoz do grupo municipal socialista, Gonzalo Muíños, xunto ás concelleiras Mila Castro, Mercedes Rosón e Marta Álvarez | Fonte: EP

MUÍÑOS ANUNCIA QUE RECORRERÁ

O ata agora portavoz do grupo municipal socialista no Concello de Santiago, Gonzalo Muíños, anunciou que recorrerá a decisión do PSOE de suspendelo de militancia e cargo público durante 18 meses por "indisciplina reiterada", segundo a resolución do expediente disciplinario coñecida este venres.

Nun comunicado, Muíños asegurou que tomará esta medida ante a Comisión Federal de Ética e Garantías, amparándose nos estatutos do partido, e destacou que seguirá defendendo a súa actuación como portavoz. "Sempre respectei os ideais socialistas e traballei polo interese xeral de Santiago, priorizando os compromisos adquiridos coa cidadanía", declarou.

Muíños lamentou que a resolución lle fose comunicada inicialmente a través dos medios de comunicación, o que cualificou como un procedemento 'sorprendente e decepcionante'. "Entereime pola prensa mentres estaba realizando unha visita a un barrio de Santiago", explicou, engadindo que este feito reflicte, na súa opinión, unha mala xestión do proceso.

Tamén sinalou que a sanción responde a un intento da executiva local de suplantar o papel do grupo municipal socialista e excluílo do debate público na cidade. 'Manterei a discreción ata agora, pero explicarei a situación se é necesario', afirmou.

RESOLUCIÓN DO PSOE

Segundo o partido, o expediente atribúe a Muíños dez incumprimentos da normativa interna, entre eles, obstruír o labor dos órganos do partido e non acatar as directrices aprobadas pola dirección. Estes feitos derivaron nunha suspensión que o PSOE cualifica como proporcional á gravidade das faltas recoñecidas.

Unha das accións que motivaron a sanción foi o voto do grupo municipal socialista a favor dunha ordenanza sobre vivendas de uso turístico (VUT), contrario ás indicacións da dirección local, no pleno do pasado 24 de xuño. Ademais, a resolución menciona a negativa de Muíños a executar o cesamento de dous asesores do grupo, tal e como ordenara a executiva local.

Muíños afirmou que convocará unha reunión co grupo municipal para abordar a nova situación, reiterando que a decisión sobre a portavocía corresponde aos membros do grupo e non á executiva local. Subliñou que seguirá leal ao programa electoral e ao servizo da veciñanza de Santiago ata o final do mandato.

Mentres tanto, a dirección local do PSOE prevé reunir os restantes concelleiros socialistas para decidir quen ocupará a portavocía durante o período de suspensión de Muíños. A resolución apunta que este cambio debe respectar o regulamento interno do partido.

REACCIÓNS DO GOBERNO LOCAL

A portavoz do goberno local, Míriam Louzao, limitouse a indicar que o executivo municipal mantén unha relación de respecto e normalidade co resto dos grupos e que non interfere nas cuestións internas doutras formacións políticas. "As nosas prioridades seguen sendo o interese da cidade e do Concello", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta