O rodaballo, primeiro vertebrado secuenciado xeneticamente en España por científicos galegos

Investigadores da Universidade de Santiago e do CSIC Galicia lideran a identificación dos xenes desta especie, que pode ser fundamental para o deseño de programas de selección xenética ou posibles vacinas.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 09/03/2016 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

Científicos da Universidade de Santiago (USC) e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) en Galicia lideraron a identificación dos xenes do rodaballo, que dá pistas sobre a súa resistencia a enfermidades.

Rodaballo
Rodaballo | Fonte: USC.

O rodaballo (Scopththalmus maximus) convértese así no primeiro vertebrado secuenciado xeneticamente en España e os resultados, publicados na revista DNA Research, poderían chegar a empregarse no futuro deseño de programas de selección xenética ou posibles vacinas, informa a USC.

A secuenciación completa do xenoma deste peixe abre novas portas a investigar non só a resistencia do rodaballo a distintas enfermidades senón tamén a profundar en cómo outros peixes responden a estas patoloxías. 

Os investigadores da USC e do CSIC, en colaboración co  Centro Nacional de Análise Xenómica de Barcelona, atoparon que o rodaballo ten un sistema visual moito máis refinado que o doutros peixes, xa que evolucionou para adaptarse á escaseza de luz dos fondos mariños. Ademais, os seus xenes falan da graxa das súas membranas celulares, que tamén duplica a doutras especies para poder soportar as baixas temperaturas das augas onde vive.  

No que se refire ao seu crecemento, diferenciación sexual e resistencia ás enfermidades, os científicos puideron identificar os xenes implicados máis importantes, e mesmo que zonas concretas do xenoma están relacionadas con estes rasgos produtivos. “Esta información é esencial para desenvolver programas de selección xenética máis eficientes coa fin de identificar aqueles reprodutores coas mellores características produtivas”, destaca o catedrático e investigador da USC Paulino Martínez.  

O rodaballo, de corpo aplanado, forma romboide e con ollos no lado esquerdo, sofre un proceso de metamorfose durante o seu desenvolvemento, momento en que pasa a presentar a distribución corporal atípica dos peixes planos. Por esta condición, vive nos fondos mariños, o que implicou que se tivese que adaptar a condicións de escaseza de luz e augas máis frías.  

Rodaballos triploides
Rodaballos triploides | Fonte: Instituto Español de Oceanografía.

“Observamos que moitos dos xenes implicados na visión, principalmente aqueles que codifican para pigmentos e os relacionados coa formación do cristalino, están duplicados neste vertebrado con respecto a outros peixes, o que indicaría que evolucionou para refinar o seu sistema visual adaptándose ás condiciones de pouca luz que o rodean”, explica pola súa banda Antonio Figueras, do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) de Vigo.  

Para tolerar esas baixas temperaturas, o rodaballo ten varios xenes relacionados cos ácidos graxos das membranas celulares duplicados, en comparación a outros organismos que viven a temperaturas máis altas. A composición lipídica destas membranas é un factor clave á hora de soportar o frío.  

Galicia, líder en produción

España é o principal produtor europeo de rodaballo de acuicultura, e o 99% desta produción ten lugar en Galicia. Segundo un informe da Asociación Empresarial de Produtores de Cultivos Mariños, a produción de rodaballo en Europa alcanzou as 11.000 toneladas en 2014, un 38,3% máis alta que en 2013. Ese mesmo ano, o valor estimado da produción en Europa foi de 75,6 millóns de euros.  

Aínda que na actualidade o cultivo do rodaballo está ben establecido, os principais problemas cos que se poden enfrontar os acuicultores están relacionados coa susceptibilidade desta especie a diversas enfermidades de orixe bacteriana, vírica ou parasitaria; patoloxías para as que non existen aínda vacinas ou tratamentos eficaces.  

Outro dos retos aos que se enfronta o sector é poder acurtar o tempo no que os exemplares deste peixe alcanzan a talla comercial. “Isto podería potenciarse facendo selección xenética daqueles xenes implicados no crecemento e na diferenciación sexual, xa que as femias posúen unha maior taxa de crecemento en comparación cos machos”, engade Martínez.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta