Denuncian a Vegalsa-Eroski,Aldi e El Corte Inglés por enganar aos consumidores con produtos que veñen de macrogranxas

ARDE critica que supermercados destas cadeas estarían a utilizar en envases e cartelaría imaxes de animais con acceso ao exterior en produtos de macrogranxas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/01/2025 | Actualizada ás 20:25

Comparte esta noticia

A asociación polos dereitos dos animais e o medioambiente ARDE denunciou ante a Dirección Xeral de Consumo presuntas prácticas comerciais enganosas por parte de grandes cadeas de supermercado, principalmente, Vegalsa-Eroski, pero tamén Aldi e El Corte Inglés. Denuncian un novo caso de "greenwashing" no que os supermercados estarían utilizando imaxes de gandaría extensiva en cartelaría e etiquetas de carne, leite ou ovos, que en realidade proveñen de macrogranxas.

Publicidade enganosa de produtos cárnicos procedentes de macrogranxas en Vegalsa-Eroski
Publicidade enganosa de produtos cárnicos procedentes de macrogranxas en Vegalsa-Eroski | Fonte: ARDE

"A motivación podería residir en que un 50% dos españois están dispostos a pagar máis por maior benestar animal", di esta entidade nun comunicado. Por iso, suliña que estas empresas alimentarias estarían a vulnerar a Lei Xeral de Publicidade, a Lei Xeral para a Defensa de Consumidores e Usuarios, así como a Lei de Competencia Desleal. 

En relación ás campañas publicitarias denunciadas, destaca o emprego de imaxes de vacas en prados. Nas botellas e bricks de leite,Vegalsa-Eroski inclúe vacas pastando e nas de El Corte Inglés cubos de ordeño sobre un fondo de pasto con flores. Con todo, os seus provedores de leite son empresas líderes na produción láctea. En España predomina o modelo de estabulación ou semiestabulación das vacas, é dicir, o de macrogranxas. Os establecementos ALDI dispoñen dun gran cartel sobre as neveiras de produtos cárnicos envasados que mostra gañado vacún nun prado. 

ARDE sinala que só unha pequena parte dos produtos destes supermercados proceden de gandaría extensiva, é dicir, cos animais en liberdade, polo que esa imaxe non sería representativa da oferta do supermercado. No caso de Vegalsa-Eroski, os envases de embutido EROSKI Basic dispoñen dun debuxo de porcos cun valado. O 78% das 80.000 granxas porcinas operan en sistemas intensivos onde non teñen acceso ao exterior, e o 87% dos animais en granxas españolas se crían en gaiolas, características do sistema de cría intensivo. 

ANIMAIS QUE NON VEN A LUZ DO DÍA

Publicidade enganosa de produtos cárnicos procedentes de macrogranxas en Vegalsa-Eroski
Publicidade enganosa de produtos cárnicos procedentes de macrogranxas en Vegalsa-Eroski | Fonte: ARDE

"Tanto ALDI como Vegalsa-Eroski promocionan os produtos co selo de benestar animal Welfair xunto a imaxes de animais en campos, pero os animais que viven nestas granxas ven por primeira vez o ceo de camiño ao matadoiro", denuncia Julia Elizalde, portavoz do colectivo ARDE. Tamén alerta do uso de imaxes confusas nos ovos de galiñas "soltas no galiñeiro" ou código 2.

No caso de Vegalsa-Eroski din que que "as galiñas foron criadas en granxas nas que se poden mover con total liberdade". "Empréganse elementos visuais asociables con ovos de galiñas ecolóxicas ou campeiras o cal podería ser especialmente enganoso xa que só un 6% dos españois identifican correctamente o significado do código impreso nos ovos", critica. "Supermercados como ALDI, Vegalsa- Eroski ou El Corte Inglés fan gala dos seus altos estándares de benestar animal e sustentabilidade, pero as súas políticas son castelos no aire", conclúe Elizalde.

SEN COMENTARIOS

Galicia Confidencial púxose en contacto con Vegalsa-Eroski para coñecer a súa opinión sobre estas denuncias. "Nesta ocasión declinamos facer valoracións sobre esta cuestión", indican desde a empresa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta