A Xunta baixará ao 20% as bonificación ao transporte tras votar o PP en contra do decreto ómnibus no Congreso

O delegado do Goberno en Galicia e BNG critican ao PP por apoiar recortes en transporte e pensións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2025 | Actualizada ás 11:20

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia manterá ata final deste mes de xaneiro a bonificación da tarifa do transporte público interurbano ao 50%, que será do 20% a partir de febreiro. Confirmouno a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ao ser preguntada sobre se a caída dos apoios estatais ao transporte, incluídos no decreto ómnibus que non saíu adiante no Congreso, afectará á parte autonómica que financia o transporte interurbano.

Respecto diso, a Xunta indicou que ata final deste mes mantense a bonificación da tarifa ao 50% e asegurou que espera que nestes días o Goberno transmita certezas ás persoas usuarias do transporte público.

Ademais, lembrou que, como xa anunciou a Xunta anteriormente, tanto se o Ministerio soluciona a súa parte da bonificación como non, desde febreiro está garantida a bonificación do 20% que lle corresponde ao Goberno galego durante 2025 e ata a implantación da área de Transporte de Galicia. Con todo, foi o propio Partido Popular o que este mércores votou en contra das bonificiacións ao transporte público ao votar en contra do decret ómnibus do Goberno central.

Arquivo - Autobús de Monbus.. MONBUS - Arquivo
Arquivo - Autobús de Monbus.. MONBUS - Arquivo

CRÍTICAS DO GOBERNO CENTRAL

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Brlnco, acusou ao Partido Popular de "castigar" á comunidade e "deixar tirados aos galegos e galegas" polos seus "intereses partidistas" ao votar en contra do decreto que incluía a revalorización das pensións, a prórroga das axudas ao transporte público e a prohibición do corte de subministracións básicas a persoas vulnerables, entre outras medidas.

"O PP castiga a Galicia. Vota en contra dos dereitos e o benestar dos galegos e as galegas", sostivo o delegado do Goberno nunhas declaracións difundidas aos medios, que asegura que os parlamentarios "non votan en contra do Goberno", senón que "votan en contra de Galicia".

BNG

Tamén o BNG urxiu ao Goberno a aprobar un decreto lei que permita a subida das pensións e prorrogar as axudas ao transporte público, medidas que estaban incluídas no decreto ómnibus que decaeu o mércores polo voto en contra de PP, Vox e Junts.

Nunha nota de prensa, o Bloque incide en que garantir a continuidade das axudas e a revalorización das pensións atopábase no acordo de investidura que asinou co PSOE, polo que reclamou ao Goberno actuar para que non se perdan estas medidas. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, responsabilizou ao PP de que máis de 689.000 pensionistas vaian cobrar 30 euros menos a partir de febreiro e de "abandonar" a máis de 80.000 galegos e galegas usuarias do transporte público. No entanto, advirte que é responsabilidade do Executivo garantir a continuidade destas medidas.


DECRETO DERROGADO

O PP, Vox e Junts sumaron os seus votos o mércores no Pleno do Congreso para tombar o decreto lei ómnibus que incluía a revalorización das pensións, a prórroga das axudas ao transporte público e a prohibición do corte de subministracións básicas a persoas vulnerables, entre outras medidas.

O resto do hemiciclo votou a favor do decreto, mentres que UPN abstívose. O exministro socialista integrado agora no Grupo Mixto, José Luís Ábalos, non acudiu ás votacións. Con esta votación, 177 en contra por 171 a favor, o decreto lei que aprobou en decembro o Goberno e que xa estaba en vigor quedou derrogado, e con el todas as súas medidas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta