Rueda aproveita FITUR para declarar que o Goberno central "non é capaz de sacar adiante ningún acordo"

O presidente da Xunta remarcou as súas afirmacións cun: "isto é ingobernable"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/01/2025 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou que o Goberno central "non é capaz de sacar ningún acordo adiante" tendo en conta que os seus "teóricos socios déixano tirado a diario", despois de que na xornada do mércores non saíse adiante o decreto ómnibus que incluía a alza das pensións e as axudas ao transporte, entre outras medidas.

"Isto é ingobernable", manifestou en declaracións aos medios durante a súa visita en Madrid á Feira Internacional de Turismo (Fitur), onde tamén trasladou a súa preocupación polas "noticias sobre corrupción" e a "falta de explicacións" por parte do Executivo estatal. "Así non podemos seguir", dixo.

Fronte a iso, destacou ao Partido Popular como un "partido con vocación de goberno" e con "vocación de que as cousas funcionen ben", que "ofreceu posturas moi razoables". "En cousas importantes que deberían estar en vigor, o Goberno teno tan fácil como facer votación sobre esas cousas e xa dixo o PP que tería o apoio", sostivo Rueda, que considerou que o Executivo estatal "se quere que as cousas vaian para diante, xa sabe o que ten que facer".

"Se vai seguir nesta deriva onde todo o que propoñen acaba mal, pois demostrarán que cada día isto ten máis data de caducidade", afirmou.

Ademais, sobre o caso concreto en Galicia, Rueda lembrou as medidas postas en marcha pola Xunta. Así, manterá ata final deste mes de xaneiro a bonificación da tarifa do transporte público interurbano ao 50%, que será do 20% a partir de febreiro e durante todo o 2025.

"Cando tes orzamentos, cando tes estabilidade de goberno, cando as cousas van con normalidade, cumprimos. Galicia cumpre e cada vez iso fai máis evidente a diferenza entre o que facemos en Galicia e o que fai o Goberno, que non é capaz de sacar cousas adiante, por tanto non é capaz de sacar as bonificacións", sostivo.

Por iso, instou ao Goberno a deixar o "orgullo estúpido" e acolla a "alternativa" ofrecida polo PP nacional.

Bosque situado na caseta de Galicia en Fitur. XUNTA
Bosque situado na caseta de Galicia en Fitur. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta