Por E.P. | Santiago de Compostela | 23/01/2025 | Actualizada ás 16:20
O BNG denunciou este xoves que o veto do PP ao Real decreto estatal coñecido como decreto ómnibus faille perder a Galicia máis de 700 millóns de euros, segundo as propias estimacións do Ministerio de Facenda.
Nun comunicado, a deputada Noa Presas advertiu que, ademais de votar en contra das persoas pensionistas e dos usuarios do transporte publico, o PP volveu votar " en contra do financiamento de Galicia" porque no decreto derrogado cos votos do PP, Vox e Junts ía tamén a fórmula para que, ao non haber presupostos do Estado, este pague ás comunidades as entregas a conta pendentes do sistema de financiamento.
"É algo gravísimo e pediremos no Parlamento que o PP de Rueda obedeza aos intereses de Galicia e negocie directamente co Estado como ter eses recursos", e isto pasa porque "os deputados galegos do PP escolleron ser palmeiros de Feijóo no canto de defender a Galicia", afirmou.
E é que, segundo sinalou Noa Presas, trátase dunha "cifra importantísima" porque "se o marco de financiamento é inxusto e non cobre as necesidades" de Galicia trátase de "perder 700 millóns de euros que poderían ir reforzar a atención á saúde mental ou a aumentar as pensións non contributivas que o PP pretende conxelar".
O BNG presentou unha batería de iniciativas relativas ás consecuencias para Galicia da perda das entregas a conta que lle corresponden polo sistema de financiamento. Sistema que, tal e como recolle nas iniciativas, xa supón para Galicia unha infrafinanciación de máis de 1.500 millóns de euros cada ano.
A isto, conforme indica o BNG, hai que sumarlle a "neglixente estratexia da Xunta de Galicia" de non negociar co Estado nin un mellor financiamento nin tampouco unha quita da débeda.
O BNG considera que esta cuestión afectará aos galegos e galegas e ao funcionamento dos instrumentos de Galicia e dos seus servizos públicos, polo que dixo que é urxente que o Goberno galego avalíe esta situación e reconsidere cambiar o seu papel de submisión á axenda estatal por un papel de defensa dos intereses de Galicia.
Entre as iniciativas presentadas está a de que o Parlamento galego exprese a súa preocupación pola afectación para Galicia do bloqueo das entregas a conta pendentes do sistema de financiamento e de demanda da Xunta que poña por diante os intereses galegos, negociando co Goberno central unha saída e comprometéndose a non afectar o funcionamento dos servizos públicos ante esta perda de recursos.
Tamén se preguntará á Xunta do PP que fará para favorecer o desbloqueo das entregas a conta, defendendo os intereses de Galicia por encima dos intereses partidarios e se ten avaliado as repercusións para Galicia no caso de non recibir as entregas a conta pendentes, e tamén polo impacto da equivalente situación nos concellos galegos.
Ademais, o BNG preguntará no Parlamento polas propostas que fará o Goberno de Rueda neste ámbito e que recortes aplicará de non conseguir este financiamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.