Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2025 | Actualizada ás 16:28
A Xunta activou para este venres a alerta laranxa por temporal costeiro no litoral das provincias da Coruña e Pontevedra.
Segundo explican nun comunicado, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) prevé un fenómeno meteorolóxico adverso que estará activo desde o mediodía deste venres no noroeste e oeste da Coruña, estendéndose pola tarde ao suroeste da costa coruñesa e ao litoral de Pontevedra por ventos do sur ou suroeste de forza 8 e mar combinado do oeste ou nororoeste con ondas de ata seis metros.
Na Mariña lucense, o nivel de aviso será amarelo por ventos de forza 7. A maiores, debido a un fenómeno meteorolóxico adverso por vento de nivel laranxa para o venres 24 nas zonas da Mariña de Lugo e a montaña de Ourense, reuniuse a Comisión Escolar de Alertas, que acordou suspender este venres as actividades no exterior dos centros educativos situados nesas zonas.
Os concellos afectados, 15 da Mariña e 19 da montaña de Ourense , poden consultarse no mapa de zonas climáticas de Meteogalicia.
Así mesmo, a Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e as do programa 'Xogade' que se realicen no exterior nestas zonas, así como a actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados polo temporal costeiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.