Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2025 | Actualizada ás 22:00
Galicia exportou canteiros para o Escorial ou Roma e hoxe en día segue a facelo coa restauración da catedral de Notre Dame en París, o Big Ben en Londres e nos EE.UU tamén chegaron profesionais para traballar no Capitolio. O CIFP de Cantería de Galicia, herdeiro da Escola de Canteiros de Poio, ofrece formación para “non perder a tradición das escolas de canteiros”. Porén, non son poucos os profesionais en activo aínda hoxe que seguiron unha formación cun mestre ou oficial ademais de habelos que se formaron de maneira autodidacta mediante a observación, preguntando e estudando desde a súa iniciativa persoal. E aínda que Galicia era terra de canteiros, a día de hoxe a demanda supera amplamente a oferta ante a escaseza de profesionais, non tanto pola dureza do traballo senón pola escasa remuneración que ten este oficio a día de hoxe a pesar do seu valor engadido por traballar con materiais tradicionais e seguros. Así é como moitos canteiros galegos a día de hoxe ou compatibilizan os seus traballos coa albanelaría, construción de muros e peches con pedra.
ESCOLAS E AUTODIDACTAS
O CIFP de Cantería de Poio herdou a formación que anteriormente impartía a Escola de Canteiros de Poio, un centro dependente da Deputación de Pontevedra e agora da Xunta de Galicia. David Alvariño, director deste centro, enmarca a creación do mesmo no desexo tanto de preservar as ensinanzas da antiga Escola de Cantería de Poio como dos mestres canteiros que impartían aulas dentro. O traspaso da Deputación á Xunta supuxo que o alumnado restante da Escola de Canteiros, cuxa formación era non regrada, están a finalizar os seus estudos durante este curso. “Antes a formación era de tres anos máis dous se querías ser mestre canteiro” explica Alvariño.
Actualmente a formación suma materias escultóricas, de réxime especial, módulos de ciclos sobre cantería extractiva, modelado e debuxo. A oferta educativa é a dun ciclo de grao medio durante tres anos e un de grao superior ademais de cursos especializados. A este centro chegan persoas de todas partes. “Aquí veñen persoas mesmo de fóra de Galicia, moitas formadas en Belas Artes, que buscan aprender técnicas escultóricas” di Alvariño. Alén de todo isto, o director do CIFP ten claro que os e as estudantes entran nestes ciclos por vocación.
A vocación tamén moveu a Ignacio Carbajales, canteiro de Teo, a decidirse por un oficio no que entrou con 16 anos “sen un oficial para aprenderme o oficio”. Insiste na súa formación autodidacta “preguntando e observando” durante dez anos. Despois dese período montou a empresa como autónomo hai dezasete anos. A especialidade é a pedra, simplemente, aínda que pode tocar outros materiais. “Eu deixo as cousas tal como estaban, sen engadir nada”. Un exemplo son as xanelas das casas antigas, que eran moi pequenas e agora os clientes piden amplialas, “eu fago a ampliación co mesmo material da xanela mais sen alterar o estilo desa xanela”.
Carbajales comezou o seu percorrido como autónomo construíndo un muro que lle serviu de presentación e de aí foi traballar nunha obra contratada por unha empresa. “O segredo é deixar a cousa ben feita para que te coñezan” e así, antes das redes sociais, o boca a boca foille abrindo o camiño para novos traballos. Hoxe en día usa moito as redes sociais para mostrar o seu labor e así ir engadindo clientes. Con todo, non foi doado pois ao comezo moitos e moitas viron que era unha persoa moi nova “e por ser novo perdín moitos traballos porque dicían: 'para onde vai este homiño tan novo?'”.
O mesmo lle pasou a José Miranda, de Dumbría, canteiro formado cun mestre local da parroquia, comezou esculpindo lápidas. Logo, co seu socio, Julio Bermúdez, montaron unha marmoraría para crear mesados, chanzos de escaleiras e outras pezas. Hoxe en día levantan muros de contención con retro-escavadoras. Mais José e Julio, xunto ao canteiro Ismael Cernadas, tiveron recoñecemento por seren dos tres canteiros galegos con coñecementos tradicionais que participaron na rehabilitación da catedral de Santiago.
“Durante a rehabilitación houbo que ir deixando algúns traballos porque non había xente abondo”. Isto é algo que José e outros profesionais non deixan de apuntar, a falta de profesionais. Chámalle a atención a cantidade de persoas que si se formaron para escultura e rehabilitación mais non en cantería propiamente. Pola súa parte, o seu socio Julio Bermúdez aproveitou un obradoiro municipal de formación en cantería, polo que si tivo formación.
RENDIBILIDADE
A día de hoxe, José Miranda di que non é posible ter unha persoa aprendendo o oficio porque o traballo non dá ingresos suficientes. “Cando comecei, era meu pai quen pagaba o seguro por min”. Con isto, Miranda sinala que hoxe por hoxe non é posible para moitas empresas de cantería manter traballadores con nómima ante a pouca remuneración que reciben estas PEMES. Indo máis alá, actualmente unha empresa como a súa non pode facer fronte ás retencións que veñen sinaladas nas nóminas. Non ven posible pagarlle un salario digno.
“Tiven catro traballadores mais ao final buscaron outros traballos” di Ignacio Carbajales. Pola mesma cantidade podían traballar en postos con menor esixencia física e non estar á intemperie. Por tanto, ir traballar para gañar un bo diñeiro na cantería non é o camiño, coinciden os canteiros consultados, moito máis se se busca traballar na escultura. “O escultor ten que crear unha firma, un nome e iso é moi difícil” di Miranda. David Alvariño destaca que o CIFP de Cantería recibe chamadas de empresas e particulares para traballos en pedra e rehabilitación.
“O meu boom foi durante a pandemia, xente que vivía nun piso quixo rehabilitar a casa da aldea porque lles era mellor vivir alí” di Carbajales. Mais a parte contraria está en que non se pode ter unha rendibilidade acorde cos esforzos e gastos implícitos no labor de canteiro.
Nun sistema de traballo como o de Carbajales o problema é conseguir pedra a bo prezo e cobrar un bo prezo pola obra. Porén, a pedra que busca normalmente é pedra de obra vella, pedra para reciclar, un material que hai décadas abundaba polo desmonte de casas antigas mais actualmente difícil de conseguir. José Miranda lembra que antes se traballaba “pedra do país”, sobre todo da área de Lalín ou Agolada e de Lugo, o problema agora é a dificultade de abrir novas canteiras en Galicia. Isto motivou a importación de pedra desde Portugal para algunhas obras.
Sobre os prezos dos traballos, a rehabilitación dunha fachada pode ir desde os 50€ aos 200€ por metro cadrado. Ao final, multiplicando metros e prezos os orzamentos poden chegar a 40.000€ ou máis. Isto fai que moito cliente se decida por obras máis baratas que finalmente poden dar problemas por deixar un traballo de mala calidade e que filtre auga cando chove. Con todo, insisten os canteiros que un investimento en cantería pode aforrar diñeiro no futuro. Un exemplo é cubrir con pedra casas feitas en ladrillo e cemento e logo pintadas por fóra. “Se lle pos pedra é caro, mais aforras ter que estar pintando cada dous anos”.
CAMBIOS
Houbo cambios tecnolóxicos que favorecesen a mellora nas condicións de traballo? Si, houbo melloras, mais o traballo segue sendo o mesmo. Como explica David Alvariño, unha empresa pode ter unha máquina de cinco eixos para desbastar a pedra mais ao final sempre é o mestre canteiro quen fai o labor de colocación, picado e escultura.
O movemento de bloques de pedra hoxe en día pódese facer con camións que leven un guindastre ou “pluma” incorporado. Isto aforra tempo e moitos esforzos para poder subir unha peza que poida pesar 300 quilos. Tamén outro tipo de maquinaria axuda a asentar mellor pedras de perpiaño no caso de muros de contención. Aínda así, o traballo de canteiro segue sendo duro e é este profesional o que debe darlle forma á pedra, non a máquina.
Algúns profesionais ven rendibilidade no traballo de cantería debido á falta de profesionais, outros consideran que os prezos non dan para manter unha empresa que traballe exclusivamente a pedra. O caso é que a día de hoxe Galicia aínda exporta canteiros formados aquí e tamén hai empresas galegas que teñen recoñecemento fóra do país. O perigo está na posible desaparición deste oficio.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.