Por Europa Press / Redacción | OURENSE | 05/02/2025 | Actualizada ás 18:04
O Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova fai pública a lista de 90 persoas asasinadas entre 1936 e 1943 na prisión central deste municipio ourensán, que foron enterrados no cemiterio de San Breixo. Agora, os seus nomes figurarán nun memorial. A primeira listaxe foi elaborada polo profesor Domingo Rodríguez Teijeiro, da Universidade de Vigo, publicado en 1999 no seu ensaio 'Longa noite de pedra no Mosteiro de San Salvador: represión e reclusión en Celanova (1936-1943)'.
O traballo do Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova consistiu nunha revisión, un por un, dos expedientes carcelarios e outra documentación da prisión, así como causas e documentación achegada polas familias. Así mesmo, incorporáronse catro nomes máis e excluíuse un tras analizar os arquivos. Tamén se engadiron ademais dúas vítimas de paseos en Celanova en 1936 e un guerrilleiro asasinado na aldea de Caseta de Ansemil en 1943.
O memorial, deseñado polo artista plástico Baldomero Moreiras en ferro e aceiro, situarase sobre unha lápida nun xardín da parte vella do cemiterio que se conserva intacto desde aqueles anos. A data de inauguración coñecerase proximamente. Esta actuación foi financiada polo Plan Estatal de Fosas 2021-2024, coordinado en Galicia polo Grupo Histagra da Universidade de Santiago (USC). Actualmente, foron localizados membros de 12 familias, o 13 % do total, e realizáronse xestións ante a Dirección Xeral de Memoria Democrática do Goberno de Asturias para que envíe aos actos unha representación, xa que "colaborou moi activamente para o éxito" na localización da fosa.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.