Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2025 | Actualizada ás 19:50
Os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Miguel Taín e Patricia Fra presentaron este mércores o libro 'Xeorxiana Goddard King e The Way of Saint James (1920). A primeira peregrinación erudita polo Camiño de Santiago', publicado por AKAL, e que recolle unha investigación sobre a visita desta profesora estadounidense de Historia da arte a Compostela en 1915, coincidindo coa celebración do Ano Santo.
Este proxecto pon en valor a figura de Goddard King tras unha investigación realizada entre setembro de 2021 e agosto de 2024, coa colaboración da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións.
No volume analízase, a través de 8 traballos, a figura e obra desta primeira 'peregrina erudita', que foi profesora no Bryn Mawr Collegee e estreita colaboradora de Archer Milton Huntington na Hispanic Society. No libro participan Patricia Fraga, Miguel Taín, Mar Llinares e Xosé Santos, da USC; George Greenia, da Universidade William & Mary; Paula Pita Galán, da Universidade de Granada; Francisco J. Novo Sánchez, da Universidade de Málaga; e Manuel F. Rodríguez, do Xacobeo.
Así, Greenia contextualiza a figura da autora dentro dos estudos hispanistas norteamericanos, valorando a súa obra 'The Way of Saint James' desde o punto de vista da perspectiva de xénero, e revisa as achegas do feminismo á literatura de viaxes.
Pola súa banda, Paula Pita Galán valora o seu papel como profesora de Historia da arte, a súa formación académica e a súa visión do Camiño; mentres que Patricia Fra escribe sobre os preparativos da viaxe a Santiago, grazas á investigación no arquivo histórico da Hispanic Society of America. No capítulo cuarto, Francisco Javier Novo analiza o patrimonio histórico-artístico estudado por Goddard King ao longo do Camiño, prolongando a ruta cara ao Atlántico, cara a lugares como Muxía, Fisterra, Noia ou Padrón.
Miguel Taín analiza a súa estancia en Compostela no Ano Santo de 1915 e os seus comentarios sobre o patrimonio da cidade, sobre as festas do Apóstolo, ou a descrición que fai da Catedral, buscando as pegadas do edificio descrito no Códice Calixtino.
Manuel Rodríguez Fernández achega unha análise sobre os milagres, lendas e tradicións vinculados ao Camiño e recollidos na obra de Goddard King; e María del Mar Llinares explora a descrición que fai dos 'tipos populares' (especialmente no que respecta ás actividades femininas e os sacerdotes) e o folclore en relación coa súa afirmación de que o seu obxectivo é a relixión comparada, a lectura do culto ao Apóstolo como herdeiro de antigos elementos relacionados coa maxia, a fecundidade ou a vexetación. No último capítulo, Xosé Santos Solla estuda desde unha perspectiva xeográfica a obra de Goddard King e os seus vínculos co fenómeno do turismo e os cambios na paisaxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.