Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 05/02/2025 | Actualizada ás 17:52
O Xulgado do Penal número 1 da Coruña condenou ao que era en 2018 director dunha empresa madeireira situada no municipio coruñés de Coristanco como autor dun delito contra os dereitos dos traballadores e de homicidio imprudente. Pola contra, a sentenza, á que tivo acceso Europa Press, absolve a outros tres acusados, un deles defendido polo letrado Juan Antonio Frago. Trátase do xefe de mantemento do taller; o xefe de quenda o día do accidente e o responsable de taller e encargado da organización do mantemento preventivo do mesmo, que estaba de vacacións no momento dos feitos.
Tras un xuízo no que Fiscalía pedía penas de entre seis e once meses de prisión, con aplicación da atenuante de reparación de dano e dilacións indebidas, pola morte dun traballador nunha empresa madeireira, finalmente foi condenado o que era director a seis meses de prisión. Os feitos producíronse en setembro de 2018 cando, segundo recolle o fallo, o operario falecido, en compañía doutro, "procedía a comprobar, sen recibir instrucións para iso, e sen coñecemento nin autorización de ningún xefe de taller ou de mantemento, unha cinta de alimentación de madeira do equipo denominado astilladora, para comprobar que a cinta transportadora non se desviaba". Como resultado desta actuación, acabou quedándolle atrapada unha man e un brazo e, posteriormente, todo o corpo. A consecuencia das feridas, faleceu.
"A máquina na que ocorreu o accidente carecía de adecuación ao Real Decreto 1215/1997, de 18 de xullo", recolle o fallo, quen atribúe ao entón director da fábrica a responsabilidade sobre a protección e seguridade para o traballador, ao que, afirma, "non se lle proporcionou un equipo de traballo seguro". "As declaracións no acto do xuízo oral do inspector de traballo e a técnico da Xunta son claras e é que a causa principal do accidente foi a non adecuación da máquina á regulamentación obrigatoria de seguridade", incide o fallo. Pola contra, absolve aos outros tres acusados dos que, entre outras cuestións, afirma que "non tiveron coñecemento da actuación destes traballadores, que ademais non estaba programada, nin ordenada".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.