Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/02/2025 | Actualizada ás 11:30
“Como eurodeputada galega e membro da Delegación de Palestina, condeno firmemente os delirios do presidente Trump para anexionar Gaza”, subliña a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, a respecto das manifestacións do presidente dos USA segundo as cales pretende converter “Gaza na Riviera de Oriente Medio”, expulsando aos dous millóns de palestinos habitantes da Franxa de Gaza.
Segundo denuncia Ana Miranda, eses plans de Trump son uns “delirios de xeopolítica anexionista e imperialista” que pretenden desterrar do seu territorio a un pobo co lexítimo dereito a estar nel. “Despois do xenocidio non lle chega, senón que vai máis alá e pretende expulsalos da súa terra”, denuncia, tal e como vén facendo desde hai meses.
A eurodeputada do Bloque defende que este propósito do presidente norteamericano debe ser contestado a nivel europeo, tanto pola Comisión como polo Consello, polo que anuncia que xa trasladou unha carta dirixida tanto á presidenta da Comisión, Ursula Von der Layen, como ao presidente do Consello, Antonio Costa, “para que tomen medidas e eleven unha posición da Unión Europea firme e contundente para que non se cumpra ese delirio”.
Cómplices do xenocidio “Xa foron autenticamente hipócritas co xenocidio, non imos agardar que sigan sendo cómplices do que está acontecendo con Israel”, sinala Miranda. Neste sentido acusa a USA de ser cómplice do xenocidio levado a cabo polo estado de Israel contra a poboación palestina.
Precisamente o pasado venres a eurodeputada galega participou na reunión inaugural do denominado “Grupo da Haia” como convidada especial polo seu papel relevante na defensa do dereito do Pobo Palestino e na denuncia do xenocidio en Gaza. Esta acción diplomática internacional ten por obxectivo a defensa da xustiza internacional, subliñar a solidariedade internacional co Pobo Palestino e impoñer medidas fronte ao xenocidio cometido por Israel, que xa asasinou a máis de 60.000 persoas. Esta iniciativa, -liderada por Sudáfrica, Colombia, Chile, Namibia, Honduras, Belice e Malaisia-, naceu co obxectivo da busca de xustiza internacional en Gaza xa que a pesar da condena internacional, non existía ningunha acción coordinada e unificada para impoñer medidas xurídicas, económicas e consecuencias diplomáticas polas acciones ilegais de Israel.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.