Por Europa Press / Redacción | Compostela | 06/02/2025 | Actualizada ás 13:07
A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, cargou contra as "conspiracións" do BNG sobre Altri despois de que o Bloque denunciase un "acordo secreto" entre a Xunta e a compañía. "Do mesmo xeito que hai quen defende aínda o terraplanismo, o independentismo galego esgotou todos os seus argumentos e agora opta por falar do que denominan un pacto secreto", dixo en rolda de prensa. "Tan secreto é ese acordo que é público desde o 1 de outubro de 2021, cando o BNG aínda era un fervente defensor de Altri", apostila.
Asegura que, "desde entón, é público" ese acordo e "todo o mundo o pode consultar", "igual que o consultaron eles, pero interésalles máis dicir que é un segredo". Fala de "vinganza política" do Bloque por perder as eleccións, pois "só a ignorancia fai posible que a realidade sexa chamada conspiración e que unha mentira sexa vivida coma se fose a realidade". Así, reproba o que considera "acoso e derriba" do Bloque a técnicos da Xunta. En cambio, valora o "rigor, realismo e criterio" destes profesionais. Prado incide en que o acordo é coñecido desde outubro de 2021, polo que "quen queira dicir outra cousa pode facelo, pero a súa credibilidade queda absolutamente mermada". Identifica esta cuestión con "mundo de fabulacion" do Bloque, a "mesma" pola que "dixeron hai un ano que ían gañar as eleccións".
"NOVO AGRAVIO" COA AP-9
Por outra banda, Prado referiuse a o que considera un "novo agravio do Goberno de Pedro Sánchez" por prorrogar por décimo oitava vez a Mesa do Congreso, "dominada polo Partido Socialista e Sumar", os prazos para o debate da transferencia desta autoestrada a Galicia. Censura que "o número de veces que esta proposta foi aprazada está en 33 con Sánchez na Moncloa". Lamenta que o Goberno prefira "admitir a enésima chantaxe do independentismo catalán" e non cumprir con "as demandas de Galicia". Lembra que o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, "en plena campaña das autonómica, presentouse antes os galegos prometendo a gratuidade das peaxes e a transferencia da autoestrada", pero agora na campaña interna do seu partido "preséntase co aval das peaxes máis caras e renunciando a esa transferencia".
QUÉIXASE DO "DESPREZO" DE MINISTROS QUE VEÑEN A GALICIA "SEN AVISAR"
Noutra orde de cousas, quéixase do "desprezo" de ministros que "moitas veces nin sequera avisan á Xunta da súa visita" a Galicia. A preguntas da prensa despois de que deputadas socialistas chamasen "choromica" ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polas súas queixas sobre que os ministros visiten Galicia os luns, día de Consello da Xunta, Prado respondeu que "o problema de que os ministros veñan a Galicia non é tanto se é luns ou mércores ou sábado", senón que "veñen a Galicia a nada, porque realmente nunca traen investimentos para Galicia nin boas noticias".
Deste xeito, Prado asegura que, "se queren facer cousas, teñen moitas", entre as que cita desbloquear no Congreso a transferencia da AP-9. Con todo, critica que os ministros "moitas veces veñen e nin sequera avisan á Xunta". "Non é a primeira vez que vemos acompañar ao ministro a un membro do Partido Socialista", pero sen representación do Executivo autonómico, "o que supón de desprezo para o Goberno galego". "Pero non é porque o Goberno galego non os queira acompañar, senón porque moitas veces nin sequera avisan á Xunta da súa visita", aclara.
PALABRAS DE CAAMAÑO
O pasado mércores, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que os maiores manexan a aplicación móbil do Servizo Galego de Saúde (Sergas) "que te cagas". Tamén apuntou cara ás voces que din que a xente maior non entende de tecnoloxía: "E unha merda". Cuestionada sobre se cre adecuadas estas expresións empregadas polo conselleiro, Prado evitou criticalas. Tan só se limitou a expresar que ve unha "boa noticia" que as novas tecnoloxías sexan "accesibles" para todo o mundo e calquera persoa pode manexar a aplicación do Sergas. Ademais, condenou as agresións a sanitarios, o que considera "reprobable". Defende que a Xunta "reaccionou rápido" e trabállase en medidas de futuro para evitar ataques. "Como sociedade, temos que ver un pouco que estamos a facer mal para que haxa tanta violencia na sociedade, non só no ámbito sanitario", reflexiona.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.