Por Europa Press / Redacción | FERROL | 06/02/2025 | Actualizada ás 14:40
A secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social, María Francisca Gómez Santos, subliñou que a Xunta require "maior información" en relación coa transferencia a Galicia do centro de atención ás persoas con discapacidade física e dependencia do concello de Ferrol, que na actualidade depende da rede do Imserso. A preguntas do deputado do BNG Ramón Fernández Alfonzo, que preguntou sobre a existencia de "dúbidas" para asumir a súa xestión por parte do Goberno galego, a responsable autonómica apuntou aos "problemas" que ten o centro no referente a instalacións, organización e persoal. Fronte a isto, o nacionalista pediu "negociacións" para que este traspaso se produza "sen dilacións".
Pola súa banda, a secretaria xeral técnica sinalou que por agora o que houbo foi "unha mera toma de contacto para expor o interese do Imserso en transferir" este e outros centros, pero cualificou a reunión de "moi superficial". Segundo os datos facilitados entón, en Ferrol sería "obxecto de traspaso un edificio de cinco plantas" con 102 prazas residenciais, delas 71 ocupadas e 10 de atención diúrna, dúas delas ocupadas. En materia de persoal, o persoal abarcaría 166 efectivos e 28 vacantes. Cuestionada na réplica por "cal é o interese efectivo por facerse coa xestión" do centro, María Francisca Gómez Santos reiterou que "os contactos son moi incipientes".
POLO DE INNOVACIÓN
Na mesma comisión, os socialistas interrogaron ao director xeral de Planificación Enerxética, Pablo Fernández Vila, sobre as previsións de posta en marcha do polo de I+D en enerxías renovables e almacenamento comprometido para Ferrol. Fernández Vila respondeu que a Xunta "conta con aprobar o plan estratéxico nas próximas semanas" e "identifica" o CIS-Ferrol "como un espazo adecuado". "Unha vez aprobado o plan estratéxico comezaremos co desenvolvemento de programas e actuacións", apostilou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.