Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 08/02/2025 | Actualizada ás 15:24
A portavoz de Sumar no Congreso, Verónica Martínez Barbero, advertiu este sábado ao PSOE que é preciso "pasar das palabras aos feitos" en materia de vivenda. "Hai que intervir no mercado", proclamou, antes de avogar por máis medidas "valentes" e de incidir na proposta de "condicionar os fondos de vivenda que o Estado dá ás comunidades ao cumprimento efectivo da lei". En declaracións na Coruña, onde Movemento Sumar Galicia organizou unha xornada sobre vivenda, a dirixente reivindicou que desde o Goberno central a formación está "a facer políticas, sobre todo no ámbito laboral, para subir os salarios e mellorar a economía", pero lamentou que "toda a riqueza das familias estanlla levando os especuladores e os rentistas".
Así as cousas, proclamou que é preciso "adoptar as medidas necesarias para que as familias deixen de subvencionar a fondos especuladores" e insistiu en que "hai que intervir no mercado". "Por fin, nas últimas declaracións a ministra de Vivenda, Isabel Rodríguez, falou da intervención do mercado, pero hai que facelo xa e con medidas efectivas, hai que pasar das palabras aos feitos", urxiu. "Necesitamos impedir a compra especulativa, necesitamos condicionar os fondos de vivenda que o Estado lles dá ás comunidades autónomas ao cumprimento efectivo da lei, ao control dos prezos. O PSOE ten que adoptar medidas valentes para frear esa rebeldía do PP, unha rebeldía que é inconstitucional e que vai en contra da lei", recalcou.
PROPOSTAS A DEBATE
Sumar Galicia organizou este sábado na Coruña a primeira dunha serie de mesas de debate sobre vivenda coas que esperan percorrer todo o territorio, recollendo as demandas e condicións das galegas e galegos e expondo as súas propostas e casos de éxito doutros territorios. Esta primeira xornada, que se desenvolveu na Sala Gurugú da Coruña, contou que participación da portavoz de Sumar no Congreso, e co secretario xeral de Movemento Sumar Galicia, Paulo Carlos López López.
Sumar defende "a necesidade e a urxencia" de que os poderes públicos interveñan a favor do dereito da vivenda e o seu portavoz na Cámara baixa incidiu nesta liña, ademais de recalcar que "non hai política de vivenda do Partido Popular en Galicia". Como exemplo, sinalou que "a promoción de vivenda pública en Galicia foi residual nos últimos 10 anos". "En 2007, co bipartito, rexistráronse un máximo de 3.700 unidades terminadas, baixando a cero entre 2015 e 2019, a 103 en 2022 e a 14 en 2023", indicou.
"CONSTRUÍR VIVENDA PÚBLICA DE ALUGUER E NON ENAXENABLE"
Pola súa banda, Paulo Carlos López esixiu á Xunta "construír vivenda pública de aluguer e non enaxenable", co obxectivo de "xerar competencia e baixar os prezos de forma permanente". López insistiu tamén na necesidade de sacar "todas as vivendas baleiras ao mercado". A mesa de debate, presentada por Trinidad Palacios como secretaria comarcal de Sumar Coruña, contou tamén con Gloria Alonso, secretaria de Organización, e Juan Villoslada, secretario de Política Institucional.
Tamén participaron na conversación convidados expertos na materia como Plácido Lizancos, arquitecto e profesor na Escola de arquitectura da UDC (da que foi director) e Josep María Montaner, catedrático na Escola de arquitectura de Barcelona e concelleira de Vivenda no primeiro mandato de Ada Colau. Paulo Carlos López e Martínez Barbero, que tamén é presidenta de Movemento Sumar Galicia, pecharon o acto e aceptaron o compromiso de impulsar propostas lexislativas no Congreso que permitan "acabar coa especulación e o rentismo que arruína á clase obreira".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.