Cinco dos 100 parques máis antigos de Galicia xa se están repotenciando e outros 20 teñen ano e medio para presentar proxecto

A consellería informa de que estas 25 instalacións xa superan os 25 anos e destaca que a obrigación establecida suporá 800 muíños menos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2025 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Un total de 25 parques eólicos de Galicia superan xa os 25 anos de antigüidade que a Xunta fixou como tope para establecer a obrigación de repotenciarse, o que suporá, en total, a retirada de 800 muíños. Deles, cinco "xa están ao facer de forma voluntaria", segundo destacou este martes a Consellería de Economía e Industria. Están todos, indica, na provincia da Coruña: en Zas, Corme, Cabo Vilán, Malpica e entre Mañón e Ortigueira (Serra da Panda II). Os 20 restantes teñen un prazo de 18 meses para presentar o seu proxecto.

A conselleira, María Jesús Lorenzana, visitou o de Zas, "un dos cinco parques eólicos que hai actualmente en Galicia xa repotenciados", segundo a nota de prensa do departamento. Promóveo EDP, e coa repotenciación pasou de ter 80 aeroxeradores de 300 KW a 10 de 2.400 KW, e duplicou a produción de enerxía, de 52,8 GWh/ano a máis de 100 GWh/ano, que equivale ao consumo eléctrico de 30.000 fogares, segundo os datos e a Xunta. No acto, Lorenzana destacou que a repotenciación dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, por superar os 25 anos de antigüidade, permitirá a retirada de máis de 800 aeroxeradores da paisaxe galega, "que quedan reducidos a unha media de 120".

DE 3.000 A 600

No seu día, cando anunciou esta medida en sede parlamentaria, a titular de Industria indicou que "nos próximos cinco anos" ían ser uns 100 parques os que superasen os 25 anos. E precisou que, en total, este centenar de instalacións afectadas sumaba uns 3.000 aeroxeradores, que segundo as estimacións do Goberno galego, quedarán reducidos a 600 tras a repotenciación. "Nos próximos anos vaise aumentar a cantidade de parques eólicos repotenciados de forma significativa", resaltou a conselleira, en relación á lei de medidas fiscais e administrativas, a de acompañamento aos orzamentos, que é a que establece esta obrigación, que foi recibida con malestar por parte da patronal eólica.

TERCEIRA COMUNIDADE

"Á espera de coñecer o datos do informe anual de Rede Eléctrica, Galicia é a terceira comunidade con maior produción eléctrica a partir da forza do vento (9.086 GWh)", segundo a Consellería. A eólica foi, segundo subliña o departamento, a tecnoloxía renovable que máis GWh achegou durante 2023 ao mix enerxético autonómico, ata o 38,1 %. Por último, sinala que Lorenzana avogou por "seguir traballando" no novo plan eólico de Galicia e por que as medidas que está a implantar a Xunta "redunden en máis industria e máis emprego".

Renovables, parques eólicos
Renovables, parques eólicos | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta