Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2025 | Actualizada ás 18:30
O pleno do comité de empresa de Navantia decidiu na mañá deste martes continuar a negociación dun novo convenio colectivo dentro da mesa intercentros, no que están representados todos os estaleiros da empresa naval pública e os servizos centrais, en Madrid.
A proposta saíu adiante grazas á posición dos sindicatos CCOO, CGT e UGT, mentres que as outras dúas organizacións presentes neste foro de representación dos traballadores, MAS e CIG, propuñan romper dita mesa e iniciar as tarefas para dotarse dun convenio propio e que afectaría só o estaleiro de Ferrol, coa posibilidade de unirse tamén ao mesmo o centro de Fene.
Así, a votación arroxou un resultado de once sufraxios para retomar as negociacións co resto de centros de traballo --tras o rexeitamento dos empregados ao preacordo nunha votación que se realizou a mediados de decembro-- por nove que pretender dotarse dun documento propio para os empregados públicos na ría de Ferrol.
Segundo detallou o secretario da Sección sindical de CCOO en Navantia Ferrol, Iván López, que é ademais representante deste sindicato no comité intercentros, tratarán agora de "mellorar o preacordo que se asinou e seguir negociando para melloralo, pero sen poder secuestrar o convenio con outros puntos que están fóra da plataforma, que foi votada por todos os traballadores en todos os centros".
Para iso xa se reuniron o pasado venres, 14 de febreiro, e volverán facelo o vindeiro venres, día 21, para ver "as propostas que hai dos distintos sindicatos e comités de empresa".
SEN DEMORAS E PLAN IDUSTRIAL
O representante de CCOO detallou nunha rolda de prensa ofrecida na mañá deste martes, ás portas do estaleiro de Ferrol, que para o seu sindicato "é significativo ter unha negociación o máis rápida posible".
Un dos seus obxectivos é "que a xente se pode ir cun contrato relevo" para traballadores de máis de 40 anos na empresa. Así mesmo, para os novos, buscarán recortar os anos que están como nivel de entrada. Neste sentido, lembrou que no preacordo baixárono a tres anos e que tentarán reducilo "ao máximo posible", xa que desde o seu punto de vista é "un dos puntos crave".
"Levamos tres anos e medio negociando un convenio, e por iso é necesario apurar a negociación", concluíu Iván López.
"NON AVANZAR EN DECISIÓNS"
Pola súa banda, o secretario xeral de CCOO Industria en Galicia, Víctor Ledo, criticou á dirección da empresa naval pública porque a falta do convenio durante todas estas anualidades afecta os capítulos de investimentos, definición de carga de traballo e tamén a definición dun plan de emprego".
"A empresa está a utilizar esta situación de bloqueo para non avanzar en decisións que se están tomando", censurou.
En relación ao estaleiro de Ferrol, Ledo criticou que, tras as 1.600 saídas de traballadores con 61 anos no plan anterior, as novas incorporacións foron escasas. Tamén subliñou que Ferrol está á cola das incorporacións, mentres que noutros estaleiros, como os de Cádiz e Cartaxena, xa se están levando a cabo.
Ademais, cuestionou a xustificación do desvío de programas comprometidos para Ferrol, como as fragatas F-110 e os contratos internacionais, e sinalou que, aínda que se prometeu a carga de traballo para Ferrol, actualmente non hai avances no contrato de Australia nin no buque FSS.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.