Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2025 | Actualizada ás 16:41
A Consellería de Facenda asegurou que estudará cubrir os postos nos comedores escolares xestionados pola Administración autonómica con "perfís máis adecuados profesionalmente". Así o sinalou despois de que a CIG denunciase na xornada do xoves que estes poderán contar con persoal sen titulación en cociña tras os cambios nos requisitos de acceso a estes postos. A este respecto, o departamento autonómico explicou este venres que, como regra xeral, o persoal que traballa nos centros da Consellería de Educación é persoal laboral das categorías Oficial 1ª ou Oficial 2ª de cociña, ou ben persoal funcionarizado desas categorías. Uns traballadores que, segundo a Xunta, "teñen coñecementos de cociña".
Ademais, indica que "en casos excepcionais nos que hai que realizar a cobertura temporal destes postos, recórrese ás listas de contratación". "Actualmente, para cubrir postos da escala de auxiliares de cociña, está a chamarse a persoas rexistradas na lista de persoal laboral da categoría 5 do grupo IV, con titulación de técnico de cociña ou técnico superior de restauración", sinala. Así, apunta que a lista de persoal funcionario da escala de auxiliares de cociña está en proceso de elaboración. "Os chamamentos non van ser inmediatos, polo que se estudará como cubrir os postos cos perfís máis adecuados profesionalmente", apunta.
DENUNCIA DA CIG
En concreto, a CIG denunciou que os comedores escolares xestionados pola Xunta de Galicia non van contar con persoal titulado en cociña e pediu unha reunión urxente coa Consellería de Educación ante os cambios nos requisitos de acceso a estes postos. Así o indicou nun comunicado, no que pediu ao departamento autonómico que dea solución á non esixencia de formación en cociña ao persoal que se encarga da elaboración da comida nos centros escolares públicos, e que garanta a seguridade alimentaria nos comedores.
O sindicato sostén que as cociñas e comedores públicos, nos que están incluídos os comedores escolares dos centros dependentes da Consellería de Educación, teñen a obrigación de implantar un sistema APPCC (Análise de Puntos de Control Críticos) e un programa de seguridade alimentaria que inclúe a rastrexabilidade dos alimentos, boas prácticas na manipulación, formación de manipuladores, etc.
Ademais, sinala que, ata agora, o persoal de cociña, concretamente o persoal oficial de 2ª de cociña, que é o que atende maioritariamente os comedores escolares, a Xunta esixíalle a titulación de Técnico de Cociña ou Técnico Superior de Restauración, polo que a formación en elaboración, manipulación de alimentos, dietas, previsión de riscos control dos APPCC, normativa sanitaria e demais estaba cuberta coa preparación que dispuñan.
Así, sinala que, debido á funcionarización deste persoal, a Xunta situouno nunha nova escala denominada "Auxiliar de Cociña do Subgrupo C2" na que só se require o graduado en ESO. Ata agora, indica o sindicato, os postos estaban ocupados por persoal laboral fixo ao que para superar o proceso selectivo requiríuselle a titulación mencionada para apuntarse á lista de contratación.
Con todo, apunta que este cambio supón que, a partir de agora, o persoal que acceda a estes postos "pode non ter ningún coñecemento para cociñar, pero tampouco para garantir a seguridade e hixiene alimentaria e o cumprimento estrito da normativa sanitaria de aplicación nas cociñas colectivas". Por iso, piden unha reunión urxente coa conselleria para que "arranxe o desastre" dunha funcionarización "chafalleira, sen garantías, que provocou a rebaixa profesional deste persoal".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.