Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2025 | Actualizada ás 14:54
"Analizaremos a proposta e o mércores teremos claro o que decidir e o de ir aos tribunais pois a ver en que queda". Deste xeito se refería o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao anuncio feito por parte do Goberno central de condonar a débeda de todas as autonomías, incluída, a de Galicia. "Non me gustaría reclamar en tribunais. Nunca é bo pero se non hai máis remedio pois haberá que facelo", advertía.
O presidente da Xunta tachou de "oportunidade perdida" o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) deste mércores, 26 de febreiro, ao non incluír o Ministerio de Facenda abordar o financiamento autonómico e urxiu ao Goberno a actualizar as entregas a conta, xa que Galicia están "a deixar de ingresar 127 millóns cada mes". En rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste luns, lamentou que será un CPFF "incompleto se non se fala de financiamento" autonómico. Critica que o Ministerio retirase da orde do día esta cuestión ao optar por "rexeitar" este tema para centrarse nas condonacións de débeda.
"Se como parecer ser, o CPFF vai ser simplemente para falar de condonación, iso para nós non é o que queremos", xustifica. "Por tanto, se iso é o único que ten que ofrecer o Ministerio, que parece ser que si, a nós non nos vale, xa sen entrar en cifras, o que teremos que asumir a condonación doutras comunidades autónomas moito máis endebedadas", argumenta.
POSTURA CONSENSUADA COS BARÓNS DO PP
Rueda esixiu ao Goberno que se ingrese a Galicia o que se "debe" e lembrou que ese diñeiro "pertence" ás comunidades en función dos tributos recadados en 2023 e "non poden quedar a vontade" do Executivo central. "O que necesita Galicia é un novo modelo de financiamento", dixo rexeitando a condonación da súa débeda.
Rueda recoñeceu que os varóns do seu partido falaron no cumio de Asturias sobre esta cuestión. "Todos percibimos que o goberno impulsa a condonación porque ten que ter o apoio do independentismo catalán", suliñou.
De feito, o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, anunciou que as comunidades autónomas gobernadas polo seu partido votarán en contra da condonación da débeda que o Executivo quere estender a todas as autonomías non só Cataluña. "Por tanto, os presidentes do Partido Popular van votar que non. Van votar que non á desigualdade, a que se premie a mala xestión, aos privilexios e á compra da Presidencia do Goberno con pago en efectivo do diñeiro de todos os partidos", declarou Feijóo.
PONTÓN
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a "defender a camisola de Galicia" en lugar de facer "seguidismo" do seu partido e reclamar ao Estado "a mesma condonación" de débeda que para Cataluña.
"A Xunta debería defender os intereses de Galicia e reclamar exactamente a mesma condonación, que é o que ten acordado o BNG e que o PP está a boicotear", aseverou a líder frontista, que pide a Rueda que "no canto de defender as siglas do PP, defende os intereses dos galegos". Neste sentido, e tras incidir en que o presidente autonómico debe porse "a camiseta" de Galicia e apartarse do "seguidismo" ao que dita Xénova, Pontón subliñou que a condonación de débeda permitiría a Galicia contar con máis recursos para políticas públicas como a atención á dependencia, a sanidade, a educación ou o acceso á vivenda.
BESTEIRO
Tamén o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, criticou este luns a "actitude antigalega" do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao rexeitar a condonación da débeda anunciada polo Goberno e que suporía 4.010 millóns de euros para Galicia pola súa "submisión" ao PP.
En declaracións difundidas aos medios, Besteiro lamentou a "falta de visión e de compromiso cos intereses" de Galicia que, na súa opinión mostra o titular do Executivo autonómico. O secretario xeral do PSdeG lamentou que Rueda prefira "manter unha posición que prexudica os intereses de Galicia, priorizando a lealdade partidista sobre o benestar dos galegos e galegas".
Con esta decisión, advertiu que o Goberno galego "ignora as oportunidades" que pode ofrecer unha condonación da débeda para aliviar a carga financeira e liberar recursos destinados a mellorar os servizos públicos e as infraestruturas en Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.