A Marcha Mundial das Mulleres programa máis de 30 actividades para conmemorar os seus 25 anos

Entre elas, unha manifestación o 5 de outubro "esixindo medidas reais para transformar a vida das mulleres".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2025 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

A Marcha Mundial das Mulleres arrincará este 8M as celebracións do seu 25 aniversario, nas que desenvolverá, ao longo do ano e da xeografía galega, máis de 30 actividades, entre elas unha manifestación o 5 de outubro "esixindo medidas reais para transformar a vida das mulleres". Un nutrido grupo de representantes da plataforma presentou este martes en Santiago un avance das iniciativas de conmemoración deste 25 aniversario, que arrincarán coas mobilizacións polo 8M.

Tras "25 anos pondo a axenda feminista no centro da vida das mulleres", a Marcha Mundial incidiu en que buscan que esta conmemoración "non sexa só unha celebración da súa memoria", se non que "sirva como impulso para seguir traballando e seguir sumando mulleres á loita feminista". Como arranque, coincidindo co 8 de marzo, lánzanse "oito reivindicacións urxentes para transformar a vida das mulleres", que continuarán despois desenvolvendo outros 25 eixos de traballo ata fin de ano que, ademais, buscan que sexan "unha folla de ruta para a acción nos próximos anos".

BALANCE "TREMENDAMENTE NEGATIVO"

A entidade fixo "un balance tremendamente negativo para os dereitos das mulleres" de 15 anos de goberno do PP en Galicia, mencionando cuestións como "o desmantelamento dos Centros de Información ás Mulleres", a "privatización dos centros de crise 24 horas" ou "a desaparición da Secretaría Xeral de Igualdade". Por todo iso, instaron ás mulleres e á sociedade en xeral a mobilizarse. "Vivimos momentos de crise do capitalismo que impactan de forma devastadora na vida das mulleres, sen sistema de coidados público son as mulleres as que soportan toda esa carga e, ademais, con salarios e pensións máis baixos", criticaron.

Entre as medidas "máis urxentes" que reclaman está o dereito a "un traballo digno, con salario digno e libre de violencias", así como compatible coa conciliación; un sistema público de coidados en todas as etapas da vida, con retribucións "xustas e dignas" para as traballadoras do fogar; máis facilidade no acceso á vivenda; un sistema sanitario que atenda as necesidades das mulleres, que garanta os dereitos reprodutivos e elimine a violencia obstétrica; e o reforzo dos CIM, a rede galega de acollida a mulleres vítimas de violencia de xénero e "reverter a privatización" dos centros de crises. A maiores, esixen a regularización das persoas migrantes, unha xestión da auga e a enerxía "xusta" a nivel ecolóxico e a paralización de proxectos extractivos e contaminantes, entre os que mencionaron Altri, a Mina de Touro ou Ence. Finalmente, tamén reclamaron o cumprimento da lei integral contra a violencia de xénero.

MOBILIZACIÓNS

Para protestar contra esta situación, avanzaron a convocatoria o 5 de outubro dunha mobilización a nivel de toda Galicia para reclamar "cambios reais" que "melloren a vida das mulleres". Ademais, ata final de ano programaranse decenas de actividades que a MMM irá debullando a partir do 8M. Para o 8 de marzo hai confirmadas xa mobilizacións ás 12.00 horas na Praza do Recheo de Ponteceso, ás 18.00 horas na Praza 8 de marzo de Santiago de Compostela, ás 19.00 horas ante a subdelegación do Goberno en Ourense e ás 20.00 horas no Obelisco da Coruña, a Praza da Armada de Ferrol e ante o Concello do Porriño.

Presentación dos actos da Marcha Mundial das Mulleres
Presentación dos actos da Marcha Mundial das Mulleres | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta