Impulso á bioctecnoloxía para facer de Galicia un referente en Europa

Xunta, investigadores, empresarios, universidades, emprendedores e representantes de asociacións e centros tecnolóxicos ultiman a folla de ruta do sector.

Por GC Emprende | Santiago | 04/04/2016 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

Galicia quere ser un "referente en toda Europa" no sector da biotecnoloxía, converténdose nun “polo de atracción de investimentos e talento”. Así o confirmou hoxe o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, nun ha xuntanza con investigadores, empresarios, representantes das universidades, emprendedores e membros de asociacións e centros tecnolóxicos, para o deseño da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía.

Unha empresa realiza probas en biotecnoloxía
Unha empresa realiza probas en biotecnoloxía | Fonte: www.emaze.com

Xa son dez meses de traballo coa participación de todo o sector co obxectivo de “incrementar o número de empresas de biotecnoloxía en Galicia e, polo tanto, o emprego cualificado dependente delas”, explicou o conselleiro. Para acadar esa meta, a estratexia ten identificado tres eixos de actuación: en primeiro lugar a investigación, transferencia de tecnoloxía e creación de empresas; en segundo, a capacitación e consolidación empresarial; e finalmente a dinamización sectorial a través de mecanismos de compra pública innovadora.

Trátase, apuntou o conselleiro, dun esforzo específico para “posicionar a Galicia como un referente internacional biotecnolóxico, non só maximizando o potencial do noso tecido empresarial bio, senón aproveitando a súa capacidade para tirar dos nosos sectores tradicionais” e contribuír así á súa modernización e competitividade.

As iniciativas que se poñan en marcha estarán vinculadas ao financiamento público-privado, á colaboración intersectorial para o desenvolvemento de produtos e servizos, ao márketing e á comercialización, dixo Conde, que sinalou a nova estratexia como a ferramenta adecuada para que “os éxitos da nosa biotecnoloxía se filtren ao resto de sectores”. Así, defendeu que esta folla de ruta permitirá valorizar recursos nos que Galicia xa destaca, como os subprodutos del mar; mellorar a competitividade dos nosos sectores tradicionais, como o lácteo ou a gandería; e poñer en valor ese coñecemento en áreas nas que hoxe Galicia xa é un claro referente, como a xenética.

Bioemprendemento

A Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía buscará impulsar a todos os axentes implicados na cadea de valor biotecnolóxica, implicando non só á Consellería de Economía, Emprego e Industria, senón a outros departamentos da Xunta para acadar un impacto transversal.

Conde defendeu que Galicia parte dunhas “fortalezas claras” para abordar este reto, como a taxa de bioemprendemento. Neste senso, destacou que o 2,11% do total de novas sociedades creadas en Galicia son biotecnolóxicas, unha cifra que dobra a media estatal.

Ademais, apuntou que Galicia supera a media estatal tanto na proporción de investigadores con respecto ao total de traballadores —un 1,11%— como na de persoal que traballa na I+D+i biotecnolóxica respecto ao total de ocupados —-un 1,16%—.

Conde destacou adicionalmente, como fortalezas da biotecnoloxía galega, a capacidade competitiva do eido público, o feito de contar con tres universidades e dous campus de excelencia internacional en ámbitos fortemente relacionados coa biotecnoloxía, e os 7.000 investigadores nas ciencias da vida, con referentes internacionais presentes no obradoiro como Ángel Carracedo e Mabel Loza.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta