O PPdeG acusa a Sánchez de dar "vía libre aos caprichos" do independentismo mentres apraza o traspaso da AP-9

Lembran que o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galicia "acumula xa 37 adiamentos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2025 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O PPdeG acusou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de dar "vía libre aos caprichos" do independentismo catalán mentres a transferencia da AP-9 a Galicia "acumula xa 37 adiamentos". Os deputados populares no Congreso lamentaron este mércores o feito de que a Cámara baixa admita a trámite todas as iniciativas que rexistran os socios de Pedro Sánchez, "aínda que vaian en contra do interese xeral", mentres "segue bloqueando de forma obstinada o debate sobre a transferencia da AP-9 a Galicia". Fano despois de que este mesmo mércores a Mesa do Congreso dos Deputados, "dominada por PSOE e Sumar", acordase a 22ª prórroga nesta lexislatura de presentación de emendas á proposición de lei orgánica de traspaso da titularidade e competencias da autoestrada á Comunidade galega. Por tanto, conforme indica o PP, "son xa 37 as prórrogas desde que Sánchez asumiu a Presidencia do Goberno de España".

"É absolutamente inexplicable e inxustificable o desprezo a esta iniciativa lexislativa aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia e que siga bloqueándose a súa tramitación parlamentaria, mentres Sánchez cumpre os caprichos do independentismo catalán", denuncia o deputado galego e vicepresidente segundo da Comisión de Transportes e Mobilidade Sustentable do Congreso, Celso Delegado. O PP sinala que "un claro exemplo deses desexos cumpridos" ao independentismo é a proposición de lei rexistrada o martes no Congreso por PSOE e Junts para a delegación de competencias en materia de inmigración e control de fronteiras. Unha iniciativa "claramente inconstitucional" xa que, conforme indica o PP, "vulnera as competencias exclusivas do Estado", que "non poden ser delegadas como pretenden os independentistas de Puigdemont e como transixe Pedro Sánchez".

Ademais, os populares apuntan que esta proposición de lei "pretende burlar unha serie de controis legais como informes vinculantes de varios organismos constitucionais", e ao mesmo tempo "non responde á defensa do interese xeral" do país, senón ao "interese particular de Sánchez por manterse no poder un tempo máis", o que cualifican de "indignante". "Tampouco nos explicamos como o BNG pode seguir apoiando ao Goberno de Sánchez e subscribindo esta nova iniciativa de Junts mentres seguen maltratando a Galicia", denuncia Celso Delgado. Por último, os populares lembraron que a semana pasada os socialistas, tamén os galegos, votaron no Senado en contra da transferencia e da gratuidade da AP-9, o que dá conta do seu "escaso interese" en que se fagan efectivas.

Deputados do PPdeG no Congreso
Deputados do PPdeG no Congreso | Fonte: PPDEG - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta