Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/04/2016 | Actualizada ás 10:00
Decide Galicia, Agora Podemos e Un Mar de Xente. Son os nomes das tres candidaturas que se enfrontarán esta fin de semana para facerse coa Secretaría Xeral de Podemos en Galicia e que lideran, Breogán Riobó, Ángela Rodríguez e Carmen Santos, respectivamente.
Tres candidatos enfrontados que, a priori, teñen moitas dificultades para chegar a un acordo. De feito, o ex secretario xeral desta formación, Riobóo lanzouse ao ataque este venres durante a presentación da súa candidatura. “Estánnos a pisar como galegos desde Madrid”, dixo ao tempo que apostou por unha "maior descentralización e capacidade de decisión autónoma" en Galicia.
“Podemos non pode cometer eses erros que xa repetiron PP e PSOE con Galicia, que foi ninguneada desde Madrid. Ten que haber unha necesaria capacidade de decisión dos galegos de pór por diante os intereses da cidadanía galega", manifestou.
Riobóo culpou directamente a Agora Podemos deste enfrontamento na formación en Galicia, porque a maioría de dimisionarios do consello cidadán aos que acusou de querer "provocar a súa disolución" integran esta candidatura.
Un discurso moi diferente ao da candidata de Agora Podemos, quen asegurou que afronta o proceso interno da formación coa súa "man tendida" ao resto de candidatos para, cando haxa un gañador, "traballar xuntos" ante o "inimigo". "O inimigo está fóra, é Núñez Feijóo, que está aterrado porque sabe que acabou o seu tempo, e hai que acabar coas políticas do PP", animou.
Ángela Rodríguez participou este xoves no encontro "As ondas do cambio" cos secretarios xerais de Podemos en Asturias, Daniel Ripa, e no País Vasco, Nagua Alba, co fin de reflexionar para tender pontes cara a unha coordinación máis estreita sobre as particularidades comúns das tres comunidades autónomas.
Pola súa banda, a politóloga Carmen Santos, presentará este venres a súa candidatura Un Mar de Xente aos órganos internos do partido en Ferrol, logo de facelo xa noutras cidades galegas. A candidatura de Santos, que foi a persoa máis votada nas anteriores eleccións, representa unha vía de consenso para o novo rumbo de Podemos en Galicia.
O proceso de primarias, que comeza o venres, non rematará ata o domingo, e nel elixiranse os órganos de dirección, o consello cidadán e a comisión de garantías. Con todo, os resultados non se coñecerán ata o vindeiro 12 de abril.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.