As mulleres obrigadas a prostituírse en pisos de Ferrol, "dispoñibles as 24 horas": "Facían 20, 25 ou 30 pases diarios"

Así o manifestaron policías que participaron na investigación e pola que se xulga na Audiencia da Coruña a catro persoas.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 10/03/2025 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Varios axentes do Corpo Nacional de Policía que participaron na investigación dunha presunta trata de seres humanos con fins de explotación sexual na zona de Ferrol constataron que as mulleres estaban "permanentemente vixiadas e controladas" e debían estar "dispoñibles" para traballar "as 24 horas". "Non podían saír libremente de casa", aseguraron.

Fixérono este luns durante o xuízo que se celebra na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña. Por estes feitos, xúlgase a catro persoas (tres mulleres e un home), tres de Paraguai e unha de Venezuela, familiares entre eles. Os procesados, na súa declaración, o pasado xoves, negaron que lles obrigasen a exercer a prostitución. Na vista desta xornada, unha das inspectoras destacou que as vítimas eran "moi novas", de países lationamericanos, "xeralmente, Paraguai", e procedentes de contornas "moi humildes" e en "situación de vulnerabilidade". "Non tiñan máis remedio para poder saldar a débeda de 6.000 euros (polo seu traslado a España) que someterse ás condicións que lles impuxesen unilateralmente fosen o gravosas que fosen".

Respecto da forma de vida das mulleres, aseguraron que os acusados exercían "control sobre a súa vontade" e que "tiñan que estar dispoñibles as 24 horas". "Podían facer 20, 25 ou 30 pases diarios que é unha barbaridade, unha cantidade brutal de explotación", concretou a mesma axente para engadir que a nivel hixiénico as condicións eran "lamentables". "Do nivel máis baixo que nos adoitamos atopar neste tipo de investigacións", apostilou. En canto á venda de sustancias estupefacientes aos clientes que acudían aos pisos onde se exercía a prostitución, varios efectivos expuxeron que a súa presenza "se acreditou no operativo policial". No mesmo, coincidiron en que atoparon "numerosas bolsas monodose" que deron positivo en cocaína.

DETENCIÓN

O arresto dos acusados produciuse como resultado dunha investigación policial entre os anos 2019 a 2023 na que, recolle o escrito de cualificación fiscal, constatouse a existencia dunha trama organizada en varios pisos das localidades de Ferrol e Narón, con relación, ademais, con outros delitos. O operativo realizouse conxuntamente coa Unidade Especializada de Loita contra a Trata de Persoas e Explotación Sexual do Ministerio Público de Paraguai e Interpol. Fiscalía sostén que os acusados acordaron en 2019 unha distribución de funcións na que dous deles ostentaban unha posición de superioridade e xerarquía mentres que outros dous se encargaban do control nos pisos.

Os procesados, engade, tamén obtiñan sustancias estupefacientes (cocaína) e viagra para proceder á súa venda aos clientes que acudían aos pisos onde se exercía a prostitución. En Paraguai, onde se segue procedemento polos vínculos que con ese país mantiñan os acusados con outras persoas para o desenvolvemento desta actividade delituosa, captaban a mulleres novas vulnerables que coñecían directamente ou por outras persoas. Xestionábanlles logo a viaxe a España, que logo lles reclamaban, ademais de obrigalas, recolle a cualificación fiscal, a exercer a prostitución sen "opción de descanso". Fiscalía imputa delito continuado contra a inmigración ilegal, contra a saúde pública, trata de seres humanos con finalidade de explotación sexual, entre outros, con penas que van desde os dez anos de prisión ata os catro, con pago de resonsabilidade civil.

Fachada da Audiencia Provincial da Coruña
Fachada da Audiencia Provincial da Coruña | Fonte: M. Dylan - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta