Por Europa Press / Redacción | FERROL | 07/03/2025 | Actualizada ás 18:21
A Fiscalía pide penas que suman 32 anos de cárcere para Roger Serafín, o veciño de Narón acusado da morte e violación de Elisa Abruñedo, a veciña de Lavandeira, en Cabanas, asasinada en setembro de 2013 cando saíu a pasear pola contorna da súa casa. O home está acusado dun delito de agresión sexual e outro de asasinato e será xulgado por un tribunal popular na Audiencia Provincial da Coruña, para o que polo momento non hai data, aínda que a instrución, levada a cabo polo Xogado de Instrución número 2 de Ferrol xa está finalizada.
Desde outubro do ano 2023 Roger Serafín está nunha prisión da provincia de León á que foi trasladado tras ser detido pola Garda Civil no seu propio posto de traballo, no estaleiro de Navantia Ferrol, onde era operario dunha empresa auxiliar. Tras o arresto, confesou ser o responsable da violación e morte da veciña da comarca de Eume dez anos atrás. Segundo o escrito de acusación, ao que tivo acceso Europa Press, entre as 20.45 e as 21.00 horas do 1 de setembro de 2013, o home conducía o seu vehículo cando viu camiñando á vítima pola estrada provincial DP-1503, nas inmediacións do seu domicilio.
De inmediato desprazouse a un camiño de terra da zona, detivo o seu vehículo e trasladouse cara a muller, "abordándoa por detrás, agarrándoa fortemente cun brazo e golpeándoa na cara, na zona da mandíbula". Acto seguido, segundo a Fiscalía, o procesado introduciuse no terreo situado á beira da estrada, "no que había piñeiros e abundante vexetación de monte baixo", arrastrando á vítima marcha atrás mentres a sostiña fortemente de costas a el, "percorrendo aproximadamente 17 metros ata o interior da parcela, onde non podía ser visto desde a estrada".
A continuación, violouna neste lugar e inmediatamente despois, o procesado, "sacou repentinamente unha navalla ou coitelo do peto do seu pantalón e apuñalouna, propinándolle dúas coiteladas no torso e unha no pescozo", tras o cal fuxiu do lugar monte a través ata alcanzar o seu vehículo, no que abandonou apresuradamente a zona, provocando a morte da muller de maneira inmediata. É por iso que o Ministerio público pide unha pena de 12 anos de prisión polo delito de agresión sexual, ao que hai que sumar outros 20 anos por asasinato, reclamando tamén que sexan indemnizados os dous fillos da muller falecida con 200.000 euros, 100.000 euros para cada un deles.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.