Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/03/2025 | Actualizada ás 16:55
A Mesa pola Normalización Lingüística concentrouse este xoves fronte aos xulgados de Ourense en apoio á "toponimia lexítima, oficial e legal", coincidindo co xuízo polas supostas actuacións nun valo que promovía a deturpación do nome da cidade.
O presidente da entidade, Marcos Maceira, considera "escandaloso" que se xulgue a dúas persoas por reclamar respecto ao único artigo prescriptivo da Lei de Normalización Lingüística, o artigo 10 que di que "os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega", un día antes de que teña lugar, tamén en Ourense, "un evento ultraespañolista que se anuncia alardeando de deturpar a toponomia da cidade, co patrocinio ademais da Xunta e a Deputación".
"Nisto tamén demostra o Partido Popular o pacto de enterro do galego que quere promover. As autoridades mostráronse máis preocupadas en buscar vítimas propiciatorias entre quen defende o dereito a vivir en galego que en facer efectivo e cumprir o artigo 10 da LNL", sinalou Maceira. "En lugar de promover e defender a legalidade", continuou, "escollen abrir procesos empregando recursos públicos e métodos de dubidosa lexitimidade e legalidade".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.