Uxía: "O renacemento da música tradicional é por xente que traballou duro e por mulleres que a souberon gardar"

Uxía celebra unha vida dedicada á música galega, á música tradicional para a que buscou oco noutros lugares a cambio de traer sons deses outros espazos a Galicia. 'Será por flores' é o nome da xira coa que vai celebrar todo un camiño percorrido desde a súa infancia até o día de hoxe. Nesa xira mostrará todos os elementos que compoñen o seu universo musical e as sororidades e irmandades que foi tecendo ao longo dun percorrido por medio mundo.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/03/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Uxía
Uxía | Fonte: uxia.net

-Estiveches na Coral do Porriño. En Mos, de onde es ti, non organizaches algún grupo?
Si, estiven no Círculo Recreativo Cultural do Porriño que incluía a Coral Polifónica onde eu cantaba e que dirixía Antonio Valverde, unha marabilla de compositor e na Coral cantabamos as súas cancións. Logo, o primeiro tema que cantei como solista foi unha traducción ao castelán de 'Summer Time'. Por outra parte, sempre argallei cousas como crear o grupo 'Malvela' a partir dun curso de cantos populares, tamén 'María Fumaça' como madriña de Rui, un neno con parálise cerebral e así pensei que sería algo fermoso crear un grupo onde el tivese protagonismo e crear un ambiente de festa arredor del, algo que resultou marabilloso e logo as 'Cantareiras do Berbés' en Vigo, espectáculos para darlles voz a mulleres de todas as xeracións desta terra. Convivo co meu oficio de cantora e compositora coa miña parte de produtora e locutora, primeiro na radio en Vigo, logo a Radio Galega onde colaborei case vinte anos no Diario Cultural. Entendo a música como unha experiencia colectiva, como unha ferramenta poderosa para comunicarte co mundo, ademais de ser unha maneira de ofrecer a túa visión dese mundo.

Nacín nunha familia moi musical e iso alimenta as vocacións e desa maneira empecei a tocar a guitarra e compoñía as miñas cancións

-Cando comezaches a túa carreira profesional cal era o papel que se lle daba á música tradicional?

Era algo alleo, só se usaba como base para outro tipo de composicións?
Houbo momentos de gloria con 'Fuxan os Ventos' nos 70 e outros grupos nos 80. Quizais faltaba orgullo e ganas de recuperar esa música e as nosas raíces. Con todo, sempre houbo xente que traballou moito na música tradicional, recollendo cantigas, outra xente recreaba e reinterpretaba esas cantigas e, quizais agora, ese renacemento da música tradicional é por esa xente que sementou durante moitos anos, pioneiros e pioneiras xunto con todas esas mulleres que gardaron esa cultura tradicional. Esa cultura tradicional será, por fin, homenaxeada no Día das Letras Galegas pois é literatura oral que conta o que eramos como pobo. Así e todo, eu tentei buscar un camiño propio, tentei buscar un xeito de comunicarme na música que bebe un pouco de moitas fontes e cruza pontes. Por outra parte, dedicarme á música, ser produtora e vivir dignamente deste oficio foi unha decisión moi meditada.

Uxía
Uxía | Fonte: uxia.net

-Sobre ese punto, cales eran os trazos esenciais que lle querías dar ao teu traballo dentro da música galega?
Podía considerarme unha cantautora non moi ao uso. O meu paso por Na Lúa tamén me deu moito da nosa música tradicional, cantei cantigas, logo a miña paixón pola música de Portugal tendo como faros a Zeca Afonso e Fausto, con quen cheguei a cantar. Todo iso está na miña música e tamén a música latinoamericana que chegou a min a través da miña familia emigrada en América, que tamén eran unha xente moi musical. Falo de Atahualpa Yupanqui, Mercedes Sosa, escoitei moito a Pablo Milanés e Silvio Rodríguez no seu momento. Tamén cando canto teño a cadencia de Brasil, o guitarrista que me acompaña desde hai tempo é brasileiro, por iso ese son está moi presente na miña música e podo falar de Caetano Veloso, Chico Buarque ademais de ter gravado alí e poder dicir que coñezo ben a súa riqueza musical. Por outra parte, ser directora de 'Cantos na Maré' permitiume coñecer os demais sons dentro da lusofonía.

Entendo a música como unha experiencia colectiva, como unha ferramenta poderosa para comunicarte co mundo, ademais de ser unha maneira de ofrecer a túa visión dese mundo

-Xa que mencionas a lusofonía, como se iniciou o teu achegamento ao mundo lusófono e a súa música?
Portugal chegou a min a través do grupo 'Na Lúa', quizais o grupo folk con maior influencia da música portuguesa ademais de gravar un disco en Portugal. Entrei en contacto moi directo coa música dese lugar, tivemos un produtor como Julio Pereira, un mestre do cabaquinho e do uso das bases electrónicas. Mais tamén, á parte de coñecer a riqueza musical dese lugar tamén dei a coñecerlles a nosa música, cinema e teatro, elementos decoñecidos alí. Logo, a través de Portugal, fun coñecendo outras músicas como as de Brasil e outros países lusófonos, porque foi en Lisboa onde souben das músicas dos países africanos con fala portuguesa. A través de Narf cheguei moito a Mozambique e tamén me axudou a abrir os ollos a toda a lusofonía da que el facía parte. Por iso Narf terá o seu momento nesta celebración.

-Outro sinal é como se buscases xuntar todas as voces femininas da música galega, portuguesa e doutros lugares. Eran moi poucas as voces de muller que se podían oír cando comezaches?
Non eran poucas mais non tiñan visibilidade. Sempre hai mulleres facendo creacións interesantes e transgresoras, hai creadoras extraordinarias, por iso digo que tiven a oportunidade de coñecelas mediante os proxectos que creei arredor da muller para darlles visibilidade, digo isto, porque ás veces este mundo do patriarcado non lles deu o protagonismo que merecen. Foi un impulso para voces como Mercedes Peón, as Leilía, Guadi Galego, Uxía Pedreira, Sonia Lebedinsky ou Susana Seivane e igual esquezo a alguén. Logo está María Manuela como representando ás que nos inspiraron pois antes xa había outras cantandos e creo que é de ben nacidas ser agradecidas. Debemos recoñecer o traballo das compañeiras. Por outra parte, grazas á radio puiden estar ao día pois son unha persoa curiosa co que se fai na nosa música, por iso é unha mágoa sentir que fóra non se coñece o traballo das e dos músicos galegos, mais hai casos excepcionais. En definitiva, aínda estamos descubrindo cousas, estou atenta a xentes novas e ás que me inspiraron no meu traballo.

Dedicarme á música, ser produtora e vivir dignamente deste oficio foi unha decisión moi meditada

-Cal é a valoración que fas sobre a evolución sonora dentro da música tradicional desde os teus inicios até hoxe, como valoras a fusión dos sons electrónicos cos máis tradicionais?
A mistura de sons é algo natural entre xente máis nova, é natural que se sintan a gusto con esa estética e ao mesmo tempo, tamén beben doutras músicas porque a música non é un elemento de museo, é cambiante, vai e vén. A experimentación cos sons electrónicos pódese facer moi ben e de maneira moi creativa. Todo depende da produción, como estea pensado, por exemplo, se é algo ideado para o baile e a festa comunitaria a onde a xente vai bailar, coñecerse o mesmo que hai anos. Hoxe en día hai creadores e creadoras moi virtuosas que recrean, crean e renovan. Eu intento non repetir fórmulas, procuro innovar, mais hai fórmulas que funcionan mellor e son máis cómodas, por iso moitas veces debes arriscar aínda que te equivoques. Tamén debes ser honesta contigo mesma e ir até o fondo ver cal é o teu xeito de expresión, onde é máis forte. No meu caso traballei moito o meu xeito de cantar e por iso é meu a base de buscar moi adentro unha vía de expresarse. Non concibo a música se non existe a emoción se non te traspasa, iso vai estar moi presente no concerto para celebrar estes corenta anos onde tamén haberá cousas novas.

-Describe as liñas mestras deste concerto que vas levar adiante.
O mesmo nome, 'Será por flores', indica un renacemento e a idea de moita riqueza, experiencias e cancións que pasaron pola miña vida. É o florecemento da nosa música como unha explosión chea de cores ademais de revelarme no tempo a través das cancións. Logo están as persoas que acompañan como son a banda, unha banda magnífica cunha dirección musical a cargo de Pablo Novoa, unha nova amizade mais moi fecunda, Santi Palacín, o meu primeiro baterista, Sergio Tanus, Santi Cribeiros e logo convidados como Quim Farinha, Budiño, quen estivo comigo desde os inicios e Guadi Galego, irmá da alma que quero moitísimo, o mesmo que Uxía Pedreira, con quen compartillo o proxecto 'Enredadas', Javier Ruibal, con quen gravei o disco, João Afonso, o meu irmán portugués, as miñas irmás e dúas nenas marabillosas Carme Abal e Mar Esende. Tamén hai unha novidade neste concerto que unha concepción máis escénica, porque a Oficina Galega Doutros Asuntos do Movemento que levan Uxía Pedreira e Marina Oural, fixeron unha proposta escénica moi atractiva facendo que a música sexa un conxunto de elementos creando un espectáculo coherente, que teña sentido e que chegue ao corazón das persoas e sexan tamén partícipes.

Sempre hai mulleres facendo creacións interesantes e transgresoras, extraordinarias, por iso digo que tiven a oportunidade de coñecelas mediante os proxectos que creei arredor da muller

-É difícil vivir da música en Galicia?
Si, mais hai que ter outros horizontes. Se eu quedase só aquí sería máis complicado por iso tentei que a miña música traspasase fronteiras e a lingua non era un freo, para min non o foi, e iso permitiume vivir do meu oficio mais creo que en Galicia non se dan os apoios necesarios. Agora hai unha certa concienciación sobre o significado da música da nosa terra e do valor que ten, iso si mellorou algo. Tamén eu puiden recoller froitos despois de moito sachar e sementar.

-Mencionaches figuras xa consagradas na música galega, mais haberá intérpretes máis contemporáneos no teu concerto?
Si, as Tanxugueiras, que son amigas desde hai moito tempo e que as vin nacer musicalmente, seguín a súa evolución, convideinas sempre que puide e sempre o pasei moi ben con elas. Estiveron comigo na Praza da Quintana no concerto coa Real Filharmonía de Galicia e que as convidei a cantar dous dos meus temas. Logo participei no fin de xira dun dos seus discos. Tamén hai outra xente nova facendo máis cousas boas mais ás Tanxugueiras téñolles unha querencia especial, conseguiron motivar ás novas xeracións e sempre me sentín orgullosa delas.

-Que sorpresas podemos esperar desta xira?
Iremos por toda Galicia, viaxaremos a Portugal e Brasil. Despois teremos un concerto moi aquelado en Dublín, non quero revelar moitas cousas mais vai haber elementos moi fermosos dentro deste espectáculo. E voume permitir o luxo en celebralo por todo o alto con moitos e moitas amigas en todos os lugares por onde actuemos.

Uxía
Uxía | Fonte: uxia.net
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta