Rachando coa Historia das mulleres tal e como nola contaron: "Os datos non amosaban a muller agraria real no franquismo"

Da man de María del Pilar Freire Esparís, profesora xubilada de Historia Económica da USC, tratamos de recuperar o protagonismo que as mulleres tiveron no pasado, desmantelar estereotipos e poñer en valor o rol esencial que desempeñaron. "As mulleres traballaron no campo e mesmo o fixeron máis que os homes, porque elas participaron moi activamente no que é o traballo estritamente agrario, pero tamén eran as encargadas das tarefas da casa e do coidado dos membros máis vulnerables da familia", reivindica.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 22/03/2025 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

Durante gran parte do século XX, o papel da muller na economía agraria galega foi fundamental, aínda que, a miúdo, invisibilizado. As mulleres non só traballaban no campo xunto aos homes, senón que tamén asumían tarefas esenciais como a cría do gando, o mantemento de hortas familiares e a xestión do fogar, asegurando o sustento de moitas familias rurais. Sen embargo, a súa contribución foi sistematicamente relegada a un segundo plano, sen recoñecemento equiparable ao dos homes. A pesar do seu peso na economía agraria, as mulleres rara vez figuraban nas estatísticas como propietarias de terras, nin se lles concedía a mesma voz nas decisións económicas. O seu traballo, aínda que indispensable, considerábase unha extensión das tarefas domésticas e, polo tanto, alleo á esfera produtiva recoñecida. Hoxe por hoxe, reivindicar o seu papel é un exercicio de xustiza histórica: é preciso visibilizar o seu esforzo e recoñecer o seu impacto na sustentabilidade do medio rural, na transmisión de coñecementos agrícolas e na supervivencia de moitas comunidades. Da man de María del Pilar Freire Esparís, profesora xubilada de Historia Económica e investigadora da Universidade de Santiago de Compostela (USC), tratamos de recuperar o protagonismo que as mulleres tiveron no pasado, desmantelar estereotipos e poñer en valor o rol esencial que desempeñaron, facendo así unha relectura máis xusta do pasado agrario de Galicia.

Muller galega agraria no pasado
Muller galega agraria no pasado | Fonte: Chat GPT

"As mulleres tiveron unha importancia fundamental na economía agraria galega", asegura Freire Esparís, que resalta que "as mulleres traballaron no campo e mesmo o fixeron máis que os homes, porque elas participaron moi activamente no que é o traballo estritamente agrario, pero tamén eran as encargadas das tarefas da casa e do coidado dos membros máis vulnerables da familia, como podían ser os menores ou os máis maiores". Así, aínda que o traballo no campo corría a conta tanto dos homes como das mulleres, "sempre ao pé do canón", o traballo dentro da casa era desenvolvido en exclusiva polas mulleres. Esa presenza de mulleres na terra (e tamén nos coidados) é algo que, segundo a investigadora da USC, "aínda segue sendo así en gran medida na actualidade, aínda que con cambios importantes, afortunadamente, pero sendo as mulleres tamén a día de hoxe o eixo fundamental no coidado da familia e no desenvolvemento da nosa economía agraria e gandeira".

Freire Esparís é unha gran coñecedora da sociedade rural galega, pois, como ela mesma conta, "eu sempre vivín no rural e nacín e crieime nunha familia que se adicou á gandaría, polo que coñezo moi directamente o tema". Por iso, asegura que "atreveríame a dicir que, no ámbito da economía agraria, non existían sobre as mulleres os estereotipos de xénero que igual estaban presentes no pasado noutros ámbitos". E é que tanto no pasado como aínda na actualidade se adoita dicir que hai traballos que non son axeitados para ser desenvolvidos por mulleres porque requiren, por exemplo, dunha forza física que estas non teñen ou non teñen na mesma medida que os homes. "No campo as mulleres tanto desempeñaban tarefas con ferramentas manuais como tamén con maquinaria agrícola", afirma a investigadora da USC, que resalta que, "as mulleres galegas, historicamente, labraban co arado de ferro --ferramenta agrícola empregada para remover a terra e preparala antes de proceder á sementeira que nas súas primeiras versións era guiado polo agricultor mentres os animais o arrastraban--, polo que eu creo que non houbo moitas diferenzas no que se refire a forza física na Galicia agraria do pasado". 

"COMO A EMIGRACIÓN NAS PRIMEIRAS DÉCADAS DO S.XX FOI CASE EN EXCLUSIVA MASCULINA, Á FRONTE DAS CASAS DE LABRANZA QUEDABAN AS MULLERES"

Así mesmo, no século pasado a economía agraria galega estaba sustentada indiscutiblemente polas mulleres, porque estamos falando dunha época de forte emigración masculina cara América. Neste senso, a profesora de Economía Histórica destaca que "a emigración xogou un papel fundamental nese protagonismo que tiveron as mulleres na economía agraria galega, porque, sobre todo nas primeiras décadas do século XX e nas últimas décadas do século XIX, esa emigración foi case exclusivamente masculina". Sería tempo despois cando as mulleres se irían incorporando progresivamente a eses movementos migratorios, pero, inicialmente, tratouse dunha emigración eminentemente masculina. Que consecuencias tiña isto? Pois, segundo resalta Freire Esparís, que "á fronte das explotacións agrarias, naquela época casas de labranza --construcións que combinaban o espazo da vivenda coa zona de traballo--, quedaban maioritariamente as mulleres". De tal maneira que, aínda que concede que "tamén podían quedar encargados delas as persoas maiores e os nenos, eran as mulleres as que se situaban á cabeza, moi presentes para poder desempeñar todo ese traballo".

Muller galega agraria no pasado
Muller galega agraria no pasado | Fonte: Chat GPT

A investigadora da USC sinala como exemplo da estrutura de sociedade imperante na época o apuntado polo escritor contemporáneo Ramón Castro López, que dicía nun dos seus estudos titulado precisamente 'La emigración en Galicia' que nunha visita que realizara a unha aldea galega viu que na celebración dominical da misa na igrexa do lugar había un cego, un coxo, varios nenos e o resto eran todo mulleres. "Iso era un sinal clarísimo de que non había homes nesa aldea porque a maior parte deles se atopaban na emigración", apunta Freire Esparís, que incide no feito de que, "ante estas circunstancias, eran as mulleres as que se tiñan que poñer á fronte da explotación agraria e das que dependía o correcto funcionamento desa explotación". Ademais, cómpre ter en conta que estamos a falar dun tempo no que o agro era o sustento principal de cada familia, pois non existían os grandes supermercados actuais nos que se pode mercar calquera produto, de maneira que "o mantemento do funcionamento da casa de labranza era fundamental para garantir a subsistencia da familia, polo que de ningunha maneira se podía deter a produción". "Se as mulleres non tomaban as rendas, a familia non tería que levarse á boca", asevera.

"AS MULLERES AGORA FIGURAN XA COMO TITULARES DAS GRANDES EXPLOTACIÓNS, ALGO QUE ANTES NON ACONTECÍA A NIVEL OFICIAL"

Agora ben, ese modelo de economía agraria coas mulleres á fronte chegou ata os nosos días ou, pola contra, foise perdendo e véndose substituído por un modelo no que son os homes os que a día de hoxe ostentan a dirección de granxas e explotacións agrarias? Para Freire Esparís está claro que "a presenza da muller nesta economía non se diluíu co paso do tempo". Tanto é así que apunta a que "as mulleres agora mesmo teñen un maior protagonismo, no senso de que, agora mesmo, son elas as titulares das grandes explotacións gandeiras e agrarias que hai na nosa terra, algo que antes non acontecía, ou alo menos esa era a realidade que transmitían as estatísticas oficiais". Precisamente o asunto das cifras que se reflexan nas estatísticas oficiais é outro punto obxecto de debate e controversia, pois "en moitas ocasións as fontes estatísticas do pasado non reflexaban o que acontecía na realidade coa mesma claridade e certeza que o fan agora, polo que tampouco amosaban a presenza desas mulleres dende o punto de vista legal nas explotacións agrarias".

"Agora as mulleres poden ser titulares dunha explotación tamén sobre o papel, algo que no século pasado non acontecía con tanta normalidade", conclúe a docente. A día de hoxe, para Freire Esparís, resulta indubidable que "as mulleres seguen tendo un protagonismo fundamental na economía agraria galega, aínda que houbese un cambio moi grande no traballo e na súa vida en xeral". Así, aínda que concede que "a vida que tivo a miña avoa e as súas contemporáneas, ou mesmo miña nai e as súas contemporáneas, non é a mesma que podo ter eu ou as mulleres agrarias do meu tempo, coido que as mulleres seguen exercendo un papel fundamental no que se refire ao mantemento e funcionamento das explotacións gandeiras e agrícolas e, ao mesmo tempo, seguen sendo aínda na actualidade as que se seguen ocupando das tarefas da casa e do coidado dos máis vulnerables".

"O TRABALLO QUE FIXERON AS MULLERES E A SÚA CONTRIBUCIÓN Á ACTIVIDADE AGRARIA NON FOI RECOÑECIDO DENDE O PUNTO DE VISTA DAS ESTATÍSTICAS"

A pesar de todos os esforzos que se están facendo na actualidade por parte de diversos estudosos e investigadores na materia para reivindicar o papel da muller no noso pasado, a profesora xubilada de Economía Histórica da USC considera que "o traballo que fixeron as mulleres e a súa contribución ao desenvolvemento económico e á actividade agraria non foi recoñecido dende ningún punto de vista, pero sobre todo dende o punto de vista das estatísticas". Así, aínda que concede que "si que é certo que houbo algúns escritores contemporáneos que ensalzaron o papel das mulleres, son casos moi puntuais, porque a realidade é que non hai unha literatura expresamente construída para ensalzar ese papel tan activo que tiveron as mulleres na economía agraria". Neste asunto, indiscutiblemente, tamén tivo moito que ver a ditadura franquista, pois "a represión franquista afectou moi directamente a que nas propias estatísticas non se recoñecese ás mulleres como forza laboral do sector agrario, senón que a todas elas se lles designaba a profesión de 'as súas labores' ou 'ama de casa'".

Por este motivo, Freire Esparís reivindica que "non é que non houbese durante o réxime franquista mulleres traballadoras nin que, como moitas veces se di, a muller se incorporase máis tarde ao mundo laboral, senón que, realmente, a pesar de formar parte do mercado laboral da época, non se consideraba que o seu traballo fose exactamente o mesmo que o dun home sobre o papel, aínda que si o fose na práctica, polo que non se recolle así tampouco nas estatísticas oficiais". Sen embargo, "esa non era para nada a realidade", insiste a investigadora da USC, que, con todo, lamenta que "o que non se recolle nas estatísticas é coma se non existise". Afortunadamente, grazas ás investigacións que se están realizando en tempos recentes, estase logrando rescatar do esquecemento a todas esas mulleres traballadoras que obviadas pola historia que chegou ata nós. "Estamos avanzando moito e actualmente temos traballos que visibilizan o presente, pero tamén o pasado, das mulleres agrarias galegas", asegura, e sinala por exemplo aos estudos que se desenvolven na Facultade de Historia da USC, con nomes como Ofelia Rey Castelao ou Serrana Rial García.

Mulleres traballando no campo galego no pasado
Mulleres traballando no campo galego no pasado | Fonte: Chat GPT
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta