Actualizado o Rexistro de Parellas de feito en Galicia

A partir de agora, permitese presentar solicitudes de forma telemática.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2025 | Actualizada ás 11:31

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a modificación do Rexistro de Parellas de feito de Galicia para facilitar a tramitación e adaptar o texto tanto ás novas tecnoloxías como aos últimos cambios normativos. Apóstase así por unha maior funcionalidade e simplicidade, tanto para a cidadanía como para o persoal que deba aplicar a norma.

Entre as novidades, conforme informou a Xunta nun comunicado, está a posibilidade de que as solicitudes nas distintas fases do procedemento se poidan presentar de maneira telemática. Deste xeito, a inscrición, modificación e cancelación de parellas de feito poderase facer conforme ás leis de procedemento administrativo común e da administración dixital de Galicia.

O Goberno galego destacou que a reforma permitirá darlle resposta ás principais incidencias recollidas nos rexistros e que teñen relación coa achega do certificado rexistral de fe de vida e estado, coa acreditación da residencia civil galega e coa falta de fixación temporal do tempo mínimo de convivencia.

Outra das dificultades máis detectadas, conforme indicou a Xunta, está relacionada coa interpretación do artigo 11 do regulamento de parellas de feito de Galicia, que recolle os requisitos comúns das solicitudes de inscrición. As dúbidas céntranse na documentación que se require en cada rexistro para acreditar o cumprimento de todos os requisitos.

Nesta liña, introdúcese unha nova redacción do artigo para determinar a documentación acreditativa de todos os requisitos esixidos que as persoas interesadas deben achegarlle ao rexistro e harmonízanse os criterios de interpretación entre os catro rexistros de parellas de feito de Galicia.

Imaxe dunha parella. XUNTA
Imaxe dunha parella. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta