A reforma legal que instaurará sancións contra as agresións a sanitarios, aberta a consulta pública

Calquera persoa e organización representativa pode remitir as súas achegas ata o 10 de abril a través do Portal de Transparencia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/03/2025 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

A Xunta, a través do Portal de Transparencia e Goberno Aberto, abriu este martes o prazo de consulta pública previa da reforma da Lei de Saúde de Galicia que incluirá sancións, entre outras medidas, contra as agresións ao persoal da sanidade. Desta forma, ata o día 10 de abril, calquera persoa ou organización representativa pode remitir as súas achegas a través do formulario web habilitado no Portal de Transparencia.

Trátase dunha norma anunciada o pasado 3 de febreiro, tras a reunión do Consello da Xunta, e que busca blindar por lei medidas ante a violencia que sofren os traballadores do Servizo Galego de Saúde (Sergas), algunhas delas xa incluídas en protocolos específicos. A Consellería de Sanidade pretende seguir as recomendacións da Organización Internacional do Traballo (OIT) e a Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo, que recoñecen que estes profesionais están "especialmente expostos a sufrir agresións e situacións de violencia".

En concreto, a proposta da Xunta desenvolverase en tres eixos. O primeiro será o reforzo das medidas de seguridade, coa revisión dos protocolos actuais, un plan de prevención e a extensión do botón de alerta da plataforma 'Acode' a todos os dispositivos do persoal. En segundo termo, ampliaranse os colectivos protexidos máis aló do Sergas, ao incluírse os técnicos de emerxencias e de Urxencias Sanitarias-061. Por último, o reforzo da protección integral das vítimas --trasladaranse de oficio as denuncias a Fiscalía e a Asesoría Xurídica da Xunta dará asistencia ao agredido-- e máis plans específicos de formación.

Ademais, crearase un rexistro de actos violentos no ámbito sanitario e haberá un servizo específico encargado de prestar apoio psicolóxico ás vítimas. Xunto a todo iso, modificarase a parte de infraccións e sancións da Lei de Saúde para dar un trato singularizado a estas condutas. De feito, o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, explicaba a semana pasada no Parlamento que as multas non serán só para as agresións, tanto físicas como verbais, senón tamén para os episodios de resistencia, coaccións e desacato.

Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela
Edificio da Consellería de Sanidade en San Lázaro, Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta