O Parlamento recoñece ao 'Matemático Rodríguez': "É un orgullo para Galicia"

"O metro, como unidade de medida, debe moito a este home nado nunha aldea de Lalín". "A figura deste gran home merece ser lembrada e reivindicada en todo o mundo", asegura o presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/03/2025 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, deu lectura este mércores a unha declaración institucional que recoñece a figura do 'Matemático Rodríguez', na que reivindica o seu papel científico e que "o seu legado é un orgullo para Galicia e para toda a comunidade científica internacional". A declaración arrinca coa constatación de que "o metro, como unidade de medida, debe moito a un home nado nunha aldea de Lalín". "O seu nome: José Rodríguez González. E, como sucede en tantas ocasións, foi máis apreciado fóra que dentro do seu propio país", agrega.

A continuación, subliña que o 'Matemático Rodríguez' foi "unha autoridade científica dacabalo entre os séculos XVIII e XIX, impulsor da cristalografía, protagonista de achados astronómicos e, sobre todo, un dos pais do Sistema Métrico Decimal". José Rodríguez naceu en Bermés (Lalín) o 25 de outubro de 1770, hai máis de 250 anos. Os seus pais eran labradores e estudou mediante a protección dun tío eclesiástico. Obtivo os títulos de bacharelato en Filosofía, Teoloxía e Matemáticas, e con 28 anos xa exercía como catedrático de Matemática sublime na Universidade de Santiago de Compostela.

A súa carreira internacional, que foi longa e frutífera, comeza en París, en 1803. Con Jean-Baptiste Biot e François Arago sae en 1806 para a medición da medida do arco do meridiano de París entre Dunkerke e Barcelona ata a illa de Formentera. Os resultados serán fundamentais para o establecemento da lonxitude do metro e a implantación do Sistema Métrico Decimal. En 1809, o 'Matemático Rodríguez' desprázase a Londres, onde realiza estudos sobre o meridiano de Greenwich. En 1814 chega a Alemaña, onde estuda cristalografía.

Busto de Matemático Rodríguez
Busto de Matemático Rodríguez | Fonte: Turismo de Lalín - Arquivo

Posteriormente, regresa a España, en 1819, para asumir a dirección do Observatorio Astronómico de Madrid. Tamén foi deputado en Cortes por Galicia durante o Trienio Liberal (1820-1823). Con todo, perdida a cátedra en Madrid, lembra a declaración institucional, "empobrecido e enfermo", viaxou a Portugal, onde traballou coas universidades de Coimbra e Lisboa, para, finalmente, regresar a Compostela, onde morreu en 1824. A súa tumba, na igrexa de Santo Agostiño, non leva inscrición ningunha.

"A figura deste gran home merece ser lembrada e reivindicada en todo o mundo. O seu legado é un orgullo para Galicia e para toda a comunidade científica universal. Expor a vida e a obra do sabio de Bermés, como prevé facerse no Parlamento europeo, axudará a moitos a coñecer mellor una das figuras máis relevantes e descoñecidas de ciencia europea", salienta o Parlamento. Por todo iso, con motivo da inauguración, o vindeiro xoves 27 de marzo, da exposición do Matemático na Eurocámara, a Cámara autonómica expresou "o seu recoñecemento e admiración" á figura deste insigne galego, o 'Matemático Rodríguez', e do seu legado para a ciencia internacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta