Por Galicia Confidencial | Santiago | 21/04/2016 | Actualizada ás 11:39
Tal día como hoxe naceu, hai 100 anos, Xosé Velo (Celanova, 21 de abril de 1916 – Sao Paulo, 31 de xaneiro de 1972). Co gallo do seu nacemento, hoxe estréase o sitio web www.xosevelo.org, co apoio da Universidade de Santiago e da Deputación da Coruña.
Para este novo espazo web conformouse unha comisión asesora na que participan Vítor Velo (Brasil), Lúa Velo (Catalunya), Manuel Mera, Miguel Urbano (Portugal), Xurxo Martiz, Francisco Macías, Xavier Montanya (Catalunya), Fernando César, Lois Codias, Hixinio Araúxo, Humberto Vergara, Xosé Vizoso, Margarita Ledo, Aser Álvarez, Elisabeth Lorenzotti (Brasil), Ana Mascia Lagoa (Brasil) e Xosé González. Esta comisión está ademais aberta a aquelas institucións, organismos, colectivos e persoas que se queiran sumar a este proxecto colectivo para a celebración dos cen anos do nacemento de Xosé Velo e a divulgación da súa vida e obra.
Como explican os promotores desta iniciativa, Xosé Velo foi "un dos persoeiros galegos máis interesantes e descoñecidos do século pasado". Coñecido pola súa labor como director xeral do DRIL (Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación), grupo de persoas que asaltaron o barco 'Santa María' o 22 de xaneiro de 1961,para chamar a atención do mundo democrático sobre as ditaduras ibéricas, tamén destacou pola súa faceta como promotor literario. Por iso, os autores do novo sitio web inician a publicación hoxe da antoloxía de poemas de Rosalía de Castro que Velo editou na súa editora, a Nós, en São Paulo (Brasil). A primeira achega é o prólogo que as presións da ditadura franquista lle impediron incluír. "Facémolo con poesía porque iso era o que Velo sempre quixo ser, amais de mestre, un poeta, un escritor", describen os autores do novo espazo en liña.
Neste novo espazo tamén haberá lugar para a obra ensaística de Velo e outros artigos. Os visitantes tamén poderán acceder a fotografías e material multimedia, así como a obras doutros autores do seu tempo que contribúen a contextualizar a vida e obra deste activista galego, e información sobre os actos co gallo do seu nacemento.
O obxectivo dos promotores desta iniciativa non só é celebrar o centenario de Velo, senón tamén "poñer en mans dos interesados e investigadores toda a información da que dispomos para mellor coñecemento de Xosé Velo e o seu tempo".
"A súa obra está inédita e a súa figura ficou case totalmente eclipsada polo secuestro do 'Santa María'. Unha acción liderada por Velo para denunciar as ditaduras de Franco e Salazar. A Comisión Pro Centenario de Xosé Velo nace para divulgar a vida e a obra deste galego universal e celebrar os cen anos do seu nacemento", explican os promotores, que engaden: "Figura relevante que quixo transformar a realidade que lle tocou vivir unindo práctica e pensamento, con atrevemento e colectivamente. O concepto de pobo nunca elimina a vontade individual como algo esencial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.