Por Galicia Confidencial | Ferrol | 26/04/2016 | Actualizada ás 14:55
O veterano xornalista Miguel Ángel Aguilar foi proclamado gañador da XII Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa que, un ano máis, organizan o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), o Club de Prensa de Ferrol e a Obra Social ‘la Caixa’. O fallo deuse a coñecer esta mañá na sede de la Caixa na Coruña, nun acto que contou coa intervención telefónica do premiado.
Precisamente, Aguilar destacou a importancia deste premio e asegurou que "a información é como as inundacións: hai auga por todas partes, pero falta auga potable". Así mesmo, manifestou que cría que “máis que un premio á innovación é un premio á terquedade de continuar traballando, tendo en conta tamén que o xornalismo vaise alterando ao longo do tempo”.
Ademais, salientou que “este premio simboliza a liberdade de prensa e esta ten que ser un compromiso dos xornalistas, porque cando non hai liberdade non hai información, hai propaganda”. “Faime moita ilusión este premio porque é un premio ao que non me presentei, por ser outorgado polos propios xornalistas “ non por enxeñeiros de montes, por exemplo e estar precedido no galardón por marabillosos colegas”, dixo.
Preguntado sobre a investigación do asasinato de José Couso, o premiado confesou que vía “moi improbable” a súa resolución, mais que “non por iso hai que desistir”. Deste xeito, loou a tenacidade da familia e animounos a continuar porque “ás veces a imposibilidade queda desmentida e o intento conséguese”.
Miguel Ángel Aguilar confirmou a súa asistencia aos actos de entrega do premio, que terán lugar o vindeiro 3 de maio en Ferrol. Ese día pola mañá realizarase a recepción na Casa do Concello e a tradicional ofrenda floral na estatua ‘As Ceibes’ no Cantón de Molíns. A partir das 20:00 celebrarase o acto de entrega no Teatro Jofre, que, como cada ano, vai ir acompañado do Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo de Nani García Trío.
Como cada ano, a candidatura gañadora foi elixida en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa. Xosé Manuel Pereiro, decano do CPXG, dixo que quere pensar que “este ano a escolla do gañador é unha forma de premiar outro xeito de facer xornalismo, a través da creación de novos medios”.
O premiado
Miguel Ángel Aguilar (Madrid, 1943) é un veterano xornalista e o Secretario Xeral da Asociación de Xornalistas Europeos. Dende 1980 ata 2015, desenvolveu o seu traballo como columnista de El País, xornal do que foi cesado o pasado mes de novembro como consecuencia de criticar o diario nunha reportaxe para o The New York Times.
Graduado en 1969 na Escola Oficial de Xornalismo, Miguel Ángel Aguilar comezou na profesión en xaneiro de 1967 no diario Madrid, e apenas un mes despois foi procesado polo Tribunal de Orde Pública como autor dun editorial sobre os disturbios universitarios, causa da que saíu absolto. Trala desaparición do Madrid en 1971 por orde gobernamental, incorpórase a Cambio 16, medio do que será director de 1978 a 1980. En 1980 entra a traballar no diario El País, onde exercerá de correspondente político, correspondente diplomático e columnista. En 1981 funda a sección española da Asociación de Xornalistas Europeos e entre 1986 e 1990 é director da Axencia EFE.
En novembro de 2015 realiza unha crítica no The New York Times contra a coacción que se producía no El País por mor da presenza no Consello de Administracion de representantes do poder como o goberno de Qatar ou Telefónica. Na reportaxe, Aguilar afirma que "os xornais están nas mans dos acredores e tamén nas dun Goberno que os axuda a convencelos de que os xornais deberan seguir vivos incluso cando estean asfixiados polas débedas” e que "traballar en El País era un soño de calquera xornalista, pero agora hai xente que se vai coa sensación de que a situación acadou niveis de censura”, chegando á conclusión de que estamos “quizais no peor momento para a liberdade de expresión en España dende a morte de Franco”. Uns días despois destas declaracións foi cesado fulminantemente.
Tamén foi director de El Sol e colaborador en medios como Tiempo, La Vanguardia, Cinco Días, El Siglo, Telecinco, Cadena Ser, TVE e La Sexta. Dende setembro do 2015, é presidente editor do semanario Ahora. A liberdade de prensa e a independencia dos medios foron e son unha constante en toda a súa traxectoria.
Miguel Ángel Aguilar sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014) e Jordi Évole (2015) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.